A Xunta pecha o vindeiro luns o prazo de solicitude da nova convocatoria dos programas integrados de emprego

O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Pablo Casal, mantivo un encontro en Vigo cos usuarios do programa que organiza a Federación Provincial de Empresarios de Hostalería de Pontevedra

Vigo, 27 de febreiro de 2020

O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Pablo Casal, informou esta mañá en Vigo de que o vindeiro luns, 2 de marzo, remata o prazo da nova convocatoria dos programas integrados de emprego, unha iniciativa dirixida a mellorar a ocupabilidade e a inserción laboral das persoas desempregadas.

A medida está dirixida a concellos e entidades. Entre os criterios de selección dos proxectos que se presenten destacan as características dos colectivos que hai que atender; a participación no proxecto do tecido empresarial existente no territorio; os recursos humanos e materiais; os obxectivos comprometidos en materia de inserción laboral; a experiencia acreditada; ou ser Concello Emprendedor. A contía máxima da axuda por cada persoa desempregada participante será de 2500 euros. Nesta nova edición volve haber unha modalidade de programas destinados en exclusiva para as mulleres.

O director xeral asistiu esta mañá a un encontro cos usuarios do programa integrado de emprego que organiza a Federación Provincial de Empresarios de Hostalería de Pontevedra. Nel, os 100 participantes poden obter os certificados de profesionalidade de operacións básicas de cociña e operacións básicas de restaurante bar; así como o de ofertas gastronómicas sinxelas e sistemas de aprovisionamento. O alumnado tamén pode acceder a formación transversal en liña sobre novas tecnoloxías, inglés, prevención de riscos laborais, manipulación de alimentos, técnicas de coaching e habilidades sociolaborais. Toda a formación compleméntase con prácticas non laborais. O obxectivo do programa e alcanzar a inserción do 45% dos participantes.

Casal insistiu na necesidade de que as diferentes administracións e entidades colaboren e aposten pola formación co obxectivo de crear máis e mellor emprego para toda a Comunidade.

Imaxes relacionadas