O Servizo Galego de Saúde e AFALU colaborarán para desenvolver accións conxuntas en prol das persoas con demencia

Realizaranse actividades e proxectos de cooperación en asuntos de interese na área sanitaria de Lugo

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, e a presidenta de AFALU, Carmen Pena Lado, asinaron un convenio marco de colaboración para a materialización dos proxectos

Lugo, 26 de febreiro de 2020

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, e Carmen Pena Ledo, presidenta da xunta directiva da Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer e outras demencias de Lugo (AFALU), asinaron hoxe un convenio marco de colaboración para o desenvolvemento de accións conxuntas en prol das persoas con demencia, así como do seu entorno familiar e convivencial.

Tal e como se recolle no convenio, o propósito do mesmo é a realizacion de actividades e proxectos de colaboración en asuntos que resulten de interese na área sanitaria de Lugo. Así, poranse en marcha campañas de formación comunitaria dirixidas ao diagnóstico precoz; programaranse actividades psicoeducativas para coidadores non formais (entorno familiar e convivencial) de persoas con demencia; e difundirase información de interese común a través dos soportes de comunicación dos que dispoñen as partes asinantes nos centros dependentes da área sanitaria de Lugo.

Ao abeiro do convenio, tamén farase cesión puntual de espazos para o desenvolvemento de proxectos piloto de atención ás persoas con demencia e o seu entorno familiar e convivencial nos centros dependentes da área sanitaria de Lugo.

Sinalar que para a materialización dos proxectos deberán asinarse acordos ou convenios específicos de colaboración nos que se recollerán o obxecto e aspectos técnicos dos mesmos, ademais dos aspectos xurídicos, temporais e de vixencia dos proxectos.

Xunto ao anteriormente sinalado, constituirase unha comisión de seguimento do convenio que coordinará, asegurará e avaliará o cumprimento das actuacións contempladas no mesmo.