Comeza a primeira edición do coworking do Morrazo con 16 proxectos empresariais centrados nas TIC, a moda e a consultoría

O director do Igape, Juan Cividanes, participou na presentación da aceleradora con sede en Moaña, na que os emprendedores desenvolverán plataformas web que ofrecen produtos e servizos, talleres téxtiles, iniciativas de cohousing e de economía circular, entre outras

Destaca a vocación e o dinamismo emprendedor dos participantes e o seu compromiso coa mellora da competitividade do tecido empresarial da comarca

Estes días están a dar comezo tamén as accións de formación e asesoramento do resto dos dez espazos apoiados pola Xunta en colaboración coa Escola de Organización Industrial (EOI)

Moaña (Pontevedra), 26 de febreiro de 2020

O director do Igape, Juan Cividanes, participou esta tarde na presentación da primeira edición do coworking do Morrazo, que a Consellería de Economía, Emprego e Industria, en colaboración coa Escola de Organización Industrial (EOI), pon en marcha desde hoxe en Moaña e no que participarán os promotores de 16 proxectos empresariais que recibirán formación, asesoramento e titoría durante os próximos cinco meses para desenvolver as súas iniciativas.

O director do Igape animou aos participantes desta primeira convocatoria a seguir impulsando o ecosistema emprendedor da comarca do Morrazo, mellorando a súa competitividade, e destacou a vocación e o dinamismo empresarial que demostran coa posta en marcha de iniciativas centradas en sectores como as TIC, a moda e os servizos de consultoría a pemes.

Así, as actividades dos 16 emprendedores -10 mulleres e 6 homes- que participan nesta aceleradora desenvolverán, entre outros, proxectos que ofertan servizos de asesoramento a profesionais e pequenas empresas en ámbitos diversos, novas tecnoloxías e contidos web, un gabinete de mediación para evitar solucións contenciosas e a creación de talleres téxtiles e a habilitación de espazos compartidos de produción neste eido. Xunto con isto, outras das temáticas serán a economía circular, o turismo e os servizos relacionados coa saúde e a atención a persoas maiores.

Estes días están a dar comezo tamén as accións de formación e asesoramento no resto de espazos coworking da rede impulsada pola Xunta que, ademais da do Morrazo, nesta edición contará con outras dúas novas aceleradoras. Así, a do Ribeiro, situada no municipio ourensán de Cenlle, promoverá a agroalimentación, o turismo rural e a economía circular. O novo espazo que se abre en Palas de Rei centrarase fundamentalmente no Camiño de Santiago para fomentar o emprendemento na ruta xacobea.

As novas aceleradoras súmanse ás xa en funcionamento en edicións anteriores, abertas na Mariña lucense (con sede en Mondoñedo); A Ribeira Sacra (Monforte de Lemos); Terras da Limia (Celanova); Santiago de Compostela; Ferrolterra (CIS Galicia en Ferrol); O Salnés (Vilanova de Arousa) e a da Costa da Morte (Cabana de Bergantiños).

A rede de espazos coworking promovida pola Xunta a través do Igape e a EOI forma parte da plataforma StartIN Galicia, que agrupa a todas as aceleradoras que apoia a Administración autonómica. Dentro desta plataforma de apoio integral desenvólvense as business factories e outras aceleradoras como Agrobiotech, ViaGalicia, Galicia Open Future e Connecting For Good Galicia.

Imaxes relacionadas