Román Rodríguez salienta a imprescindible aposta por un camiño sustentable de cara ao próximo ciclo xacobeo

O conselleiro de Cultura e Turismo asinou un acordo cos 11 concellos do Camiño Francés para avanzar na mellora paisaxística e dinamización desta ruta

Explicou que as iniciativas previstas favorecerán a acollida aos peregrinos e favorecerán a conservación do patrimonio cultural destes municipios

Destacou a importancia do diálogo e a colaboración interadministrativa á hora de impulsar un evento da magnitude do vindeiro Ano Santo

Santiago de Compostela, 26 de febreiro de 2020

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, salientou a necesidade de potenciar a sustentabilidade do Camiño de Santiago de cara ao próximo ciclo xacobeo que se inicia en 2021. Fíxoo tras a sinatura dun acordo cos 11 concellos do Camiño Francés para avanzar na mellora paisaxística e dinamización desta ruta, que concentra seis de cada dez peregrinos, e no que se investirá máis dun millón de euros.

No acto estivo presente José Antonio García Jurjo, o presidente da Mancomunidade de Concellos Galegos do Camiño Francés, a entidade que aglutina aos municipios de Arzúa, Melide, Monterroso, Palas de Rei, Paradela, Paradela, Pedrafita do Cebreiro, O Pino, Portomarín, Samos, Sarria e Triacastela. Tamén acudiron algúns dos rexedores e representantes destes municipios.

O responsable de Cultura e Turismo destacou a necesidade de impulsar o coidado desta ruta, declarada como primeiro Itinerario Cultural Europeo e Patrimonio da Humanidade, avanzando na súa sustentabilidade paisaxística, etnográfica e patrimonial. Precisamente, explicou que o respecto polo coidado do medio ambiente na Ruta Xacobea é un dos obxectivos do Plan Estratéxico do Xacobeo 2021 e do avance da programación deste evento. De feito, esta acción enmárcase na actividade Camiño Sustentable, que busca desenvolver políticas enfocadas ao coidado e preservación das diferentes rutas implicando a veciños e peregrinos.

Mellora paisaxística e promoción

Román Rodríguez avanzou que entre as accións que se levarán a cabo figuran iniciativas de mellora paisaxística e embelecemento de recursos situados neste itinerario, accións de valorización, consolidación ou restauración de bens que integran o patrimonio etnográfico e, ademais, traballarase na supresión de elementos en desuso ou abandonados.

Segundo o conselleiro de Cultura e Turismo, o obxectivo destas actuacións é “ofrecer a mellor versión da nosa Comunidade” aos preto de 200.000 peregrinos que percorren esta ruta, así como contribuír a “unha Galicia máis verde e próspera”. Deste xeito, explicou que o acordo permitirá desenvolver actividades culturais e turísticas que favorezan a promoción do Xacobeo 2021, como tamén permitirá a contratación dun técnico que traballe na uniformación das ordenanzas locais que regulan asuntos como a venda ambulante, o embelecemento ou a sinalización ao longo deste Camiño.

Tamén no eido turístico e de promoción desenvolveranse actuacións como a posta en marcha dun destino que opte ao recoñecemento de calidade turística SICTEC e levaranse a cabo accións anuais de promoción do Ano Santo que se executarán de xeito conxunto nos once municipios deste itinerario.

Román Rodríguez puxo este acordo como exemplo da importancia de avanzar na colaboración interinstitucional á hora de impulsar un evento da magnitude do Xacobeo 2021. Subliñou, ademais, a necesidade de promover medidas que permitan facer desta unha celebración “cunha pegada que vaia moito máis alá do vindeiro ano”.

Imaxes relacionadas