A Policía Autonómica leva a cabo un dispositivo extraordinario de control de consumo e venda de alcohol a menores en Lugo

Realizáronse 91 identificacións e levantáronse 35 actas de infracción por consumo de alcohol e por tenza e consumo de sustancias estupefacientes

Lugo, 26 de febreiro de 2020

Axentes do grupo de Menores da Policía Autonómica levaron a cabo un dispositivo extraordinario de control de consumo e venda de alcohol a menores de idade o pasado fin de semana en Lugo con motivo das festas do Entroido.

Realizáronse dous dispositivos que deron como resultado a identificación de 91 persoas. Levantáronse 35 actas de infracción, 33 delas por consumo de alcohol en menores e as dúas restantes por incumprimento da Lei 4/2015 de protección da seguridade cidadá por tenza e consumo de sustancias estupefacientes. Entre as persoas identificadas figuran dous menores de 14 anos, un deles por consumir alcohol e outro ao que se lle comisaron cinco cigarros dunha sustancia, ao parecer marihuana.

A Policía Autonómica, dende a entrada en vigor da Lei 11/2010, de prevención de bebidas alcohólicas aos menores de idade, leva a cabo diversos dispositivos policiais por toda a comunidade galega, para velar polo cumprimento da mesma e previr o consumo deste tipo de bebidas polos menores de idade.

Nestes dispositivos, ademais das denuncias pola infracción da Lei 11/2010, tamén se informa aos propietarios dos locais do seu contido, das actuacións que deben levar a cabo para o cumprimento da mesma e evitar o consumo de alcol entre os menores de idade, así como, que por parte da Policía Autonómica se continuará coas actividades necesarias para velar polo cumprimento da norma.