A Xunta destaca a aposta da empresa de compoñentes aeronáuticos Coasa pola formación tecnolóxica

O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Pablo Casal, estivo esta mañá nas instalacións da compañía en San Cibrao das Viñas para coñecer os seus proxectos formativos

San Cibrao das Viñas (Ourense), 26 de febreiro de 2020

O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Pablo Casal, destacou esta mañá en San Cibrao das Viñas a aposta que a empresa de compoñentes aeronáuticos Coasa está realizando por impartir unha formación tecnolóxica que resulta clave para afrontar os retos da Industria 4.0.

Coasa leva desde 2017 participando no programa Unidades Formativas en Empresas a través do que os participantes accederon ao certificado de profesionalidade de fabricación de elementos aeroespaciais con materiais compostos -no que xa se realizaron tres cursos e está previsto que comece un máis ao longo deste ano- ademais de celebrar dous cursos para desempregados. Casal agradeceu a implicación de Coasa neste tipo de programas que non só melloran a cualificación do alumnado, senón que supoñen unha oportunidade para acceder ao mercado laboral, xa que os programas contan cun compromiso de contratación mínimo.

O director xeral explicou que as Unidades Formativas en Empresas pretenden dar resposta ás novas necesidades empresariais grazas á que se imparte cualificación especializada e adaptada á realidade das compañías galegas con compromiso de contratación. Neste sentido, asegurou que é imprescindible a colaboración entre o tecido empresarial e a Administración á hora de identificar e deseñar as accións idóneas.

A iniciativa enmárcase no Plan galego de formación para o emprego que, a través de distintas medidas e axudas, ten como obxectivo contar cunha Galicia máis preparada.