A conselleira de Política Social visitou esta mañá a casa niño de Beariz, que conta con cinco prazas para nenas e nenos de 0 a 3 anos

Fabiola García lembra que está aberto o prazo para a posta en marcha dunha casa niño nos 23 concellos que non teñen ningún recurso de conciliación

Esta orde procura a creación de 115 novas prazas nestes centros

Beariz (Ourense), 26 de febreiro de 2020

A conselleira de Política Social, Fabiola García, lembrou que está aberta a convocatoria de axudas para a posta en marcha dunha casa niño nos 23 concellos galegos que non contan con ningún recurso para conciliar. Fíxoo durante a visita que realizou esta mañá á casa niño emprazada na localidade de Beariz.

Fabiola García informou de que o pasado 18 de febreiro publicouse no Diario Oficial de Galicia (DOG) a nova convocatoria para poñer en marcha este servizo. Desta maneira, as persoas interesadas en desenvolver esta iniciativa teñen ata o 19 de marzo para solicitar a axuda. Tal e como informa o DOG, a orde procura a creación de 115 novas prazas de casas niño, pequenos centros en concellos sen ningunha outra opción de conciliación.

A conselleira de Política Social destacou o bo servizo que realizan as promotoras das casas niño en Galicia. En concreto, subliñou a calidade da atención que presta Beatriz Millán aos nenos e nenas que acoden diariamente á casa niño Golfiños de Beariz e que permite que as súas nais e pais poidan compaxinar máis facilmente a súa vida laboral e familiar.

Imaxes relacionadas