A Xunta destina case dous millóns a axudar aos concellos a rehabilitar vivendas de titularidade municipal e infravivendas

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria destas dúas liñas de subvención, que buscan facilitar que os municipios máis pequenos poidan dotarse dun parque público residencial en réxime de alugueiro

Santiago de Compostela, 26 de febreiro de 2020

A Xunta de Galicia destinará este ano un total de 1.919.060 euros a dúas liñas de axudas dirixidas a concellos para que poidan realizar actuacións de rehabilitación en vivendas de titularidade municipal e tamén en infravivendas. Con estas subvencións, que poden chegar ata o 90 ou o 95 por cento do custo total dos traballos, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda colabora para que os concellos máis pequenos se podan dotar dun parque público residencial destinado ao alugueiro.

Concretamente, o Diario Oficial de Galicia publica a resolución pola que se convocan, entre outras, as axudas de rehabilitación de vivendas de mestres, doutros oficios e demais edificios e vivendas de titularidade municipal, dotadas cunha partida de 1.819.060 euros, e tamén as axudas do programa de infravivenda, para as que se reservan 100.000 euros.

Vivendas de mestres

O programa de rehabilitación de vivendas de mestres, outros oficios e outras vivendas de titularidade municipal está dirixido a facilitar aos concellos a creación dun parque público de vivenda municipal en réxime de alugueiro, ao tempo que fomenta a rehabilitación de inmobles xa existentes.

Poden acceder a estas axudas os concellos de menos de 20.000 habitantes que teñan veciños inscritos no Rexistro de Demandantes de Vivenda de Galicia (polo menos tantos como vivendas se pretende rehabilitar). O concello solicitante deberá estar adherido ao Programa de Vivendas Baleiras ou en trámite de adhesión e as vivendas rehabilitadas adxudicaranse conforme a este programa.

Unha vez rehabilitadas, as vivendas destinaranse, en réxime de alugamento, a unidades de convivencia con escasos recursos económicos (menos de 2,5 veces o Iprem) durante un prazo non inferior a 20 anos.

A axuda da Xunta ascende ao 90 por cento do custe da actuación, cun límite de 40.000 euros por vivenda, que se poderá incrementar ata os 48.000 euros se están emprazadas en ámbitos históricos ou dos Camiños de Santiago. O prazo para solicitar estas axudas permanecerá aberto ata o esgotamento do crédito dispoñible, que para esta convocatoria ascende a un total de 1.819.060 euros.

Infravivenda

En canto ao programa de infravivenda, ofrece axudas dirixidas tamén a concellos para obras de rehabilitación de inmobles destinados a uso residencial pero que non reúnen uns requisitos mínimos de habitabilidade e que se empracen en municipios, neste caso, de menos de 10.000 habitantes.

O inmoble sobre o que se quere actuar poderá ser propiedade dos seus moradores ou do propio concello, aínda que en ambos casos a axuda debe solicitala a entidade local.

Os ocupantes terán ingresos que non superen o Iprem e a vivenda, unha vez rehabilitada, deberá destinarse a solucionar os problemas de infravivenda durante un prazo non inferior a cinco anos.

A axuda ascenderá ao 95 por cento do custo da rehabilitación, cun límite máximo de 15.000 euros por vivenda. Os concellos poderán solicitar esta axuda ata o esgotamento da partida orzamentaria dispoñible, dotada neste caso con 100.000 euros.