A Xunta avoga por apoiar proxectos empresariais liderados por mulleres para fomentar a participación feminina no mercado de traballo

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, visitou hoxe unha das iniciativas apoiadas no marco do Programa Emega de emprendemento feminino

Este programa contribúe ao empoderamento económico e social das mulleres a través da creación de novos postos de traballo que favorecen o seu desenvolvemento profesional

Pontevedra, 25 de febreiro de 2020

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe a importancia de apoiar iniciativas empresariais lideradas por mulleres para fomentar a participación feminina no mercado de traballo e acadar a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes neste ámbito. A este obxectivo contribúe o programa Emega, consolidado como medida para fomentar o emprendemento feminino e, desta forma, apoiar o empoderamento económico e social das mulleres.

Durante a súa visita a unha tenda de xoguetes educativos beneficiaria da última convocatoria do programa Emega, sinalou que esta liña de axudas permite que as boas ideas das emprendedoras galegas se poidan materializar e converterse en realidade. Ao respecto, Rueda puxo en valor que as emprendedoras son “as que máis arriscan, pero esa pequena axuda é fundamental porque chega no momento no que máis se necesita, que é ao principio”.

Na visita, o vicepresidente tamén estivo acompañado pola secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, e o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís.

“En Galicia hai moito talento feminino e o deber da Xunta é estar aí”, destacou o vicepresidente da Xunta, que incidiu na necesidade de promover o desenvolvemento profesional das mulleres e unha maior participación feminina na actividade económica e laboral, con medidas como o programa Emega que axuda á creación de postos de traballo para as mulleres. Esta iniciativa favorece ademais o emprendemento desde a innovación mediante a apoio a novas oportunidades de negocio que funcionan como motor de cambio e progreso da nosa comunidade.

As axudas do Emega están cofinanciadas polo Fondo Social Europeo (FSE) no marco do programa operativo FSE Galicia 2014-2020. En concreto, no obxectivo 8.4.1., que busca aumentar a contratación de mulleres, especialmente en sectores económicos que presentan un alto potencial de emprego con escasa presenza feminina.

O programa Emega conta con catro liñas de actuación específicas. Así, a liña ‘Emprende’, está destinada á promoción da posta en marcha de novas iniciativas empresariais e a crear emprego por conta allea; ‘Innova’, a promover a implantación de medidas innovadoras para a mellora da competitividade de empresas constituídas por mulleres; ‘Activa’, a favorecer a reactivación e consolidación de empresas a través de medidas de renovación ampliación ou cambio de localización dirixidas a paliar unha situación económica adversa; e ‘ITEF’, para incentivar iniciativas empresariais con contido científico ou base tecnolóxica promovidas por mulleres. A maiores, establecese unha liña complementaria, a ‘Concilia’, para promover a conciliación da vida persoal, familiar e laboral.

Imaxes relacionadas