Estabilizado un incendio forestal no concello ourensán de Laza, parroquia de Camba

Segundo as últimas estimacións, afecta unha superficie provisional dunhas 30 hectáreas

Santiago de Compostela, 24 de febreiro de 2020

A Consellería do Medio Rural informa de que o lume rexistrado no concello ourensán de Laza, parroquia de Camba, está estabilizado.

O incendio comezou este mediodía ás 13,25 h. e quedou estabilizado ás 18,10 h. da tarde. Segundo as últimas estimacións, a superficie afectada é dunhas 30 hectáreas. Esta medición é provisional ata que se parametrice a superficie final. No seu control levan traballado 5 axentes, 6 brigadas, 2 motobombas, 3 helicópteros e 1 avión.

A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais poderá ser consultada na conta aberta de twitter: @incendios085.
 

Departamento:
C. do Medio Rural