Medio milleiro de persoas gozan do ‘Baile de entroido’ do Gaiás animado co espectáculo de Mágin Blanco e A Banda das Apertas

Con temática animal, a Cidade da Cultura ofreceu unha alternativa diferente ao Entroido tradicional

Santiago de Compostela, 24 de febreiro 2020

O Baile de Entroido do Gaiás esgotou todas as entradas e medio milleiro de persoas están a gozar esta tarde na Cidade da Cultura do Baile de Entroido de temática animal, amenizado coa música da picadiscos infantil Marifaltri e co coñecido espectáculo-musical A nena e o grilo, de Magín Blanco e A Banda da Apertas.

Este Entroido Animal transformou o Museo Centro Gaiás nun auténtico zoolóxico con cefalópodos, mamíferos ou anfibios, xa que a temática de disfraces de abano animal é ampla para acadar unha divertida tarde de festa familiar.

O baile, dirixido a públicos de todas as idades, comezou ás 17,00 horas cunha sesión de música típica destas datas de Carnaval a cargo da DJ Marifaltri, á que lle segue o espectáculo-teatral con música ao vivo de Magín Blanco e A Banda das Apertas, onde grandes e pequenos bailan e cantan os coñecidos temas do músico ourensán, como Peixiños do mar ou Rock&Roll do dragón.

Con esta actividade, a Cidade da Cultura ofrece unha alternativa ao Entroido tradicional, protagonista nestas datas en moitas vilas e cidades de Galicia.

Magín Blanco e A Banda das Apertas

Magín Blanco ten un amplo repertorio de cancións pensadas para a cativada, que transmiten valores e emocións e que teñen como obxecto divertir, mais sempre contribuíndo ao desenvolvemento emocional dos máis pequenos e pequenas.

Todos os seus temas están compostos por el mesmo e tamén os interpreta na voz principal co acompañamento da súa inseparable guitarra. O músico da comarca de Valdeorras transforma as súas composicións en todo un espectáculo teatral, grazas a unha posta en escena moi coidada e aos músicos profesionais que o arroupan, o que garante gozar non só dun repertorio musical divertido, senón tamén de calidade.
 

Imaxes relacionadas