A Policía Autonómica leva a cabo 84 inspeccións para velar polo cumprimento da Lei de prevención de bebidas alcohólicas en menores

A Policía Autonómica, dende a entrada en vigor da Lei 11/2010, de prevención de bebidas alcohólicas aos menores de idade, realiza diversos dispositivos policiais por toda a comunidade galega

Santiago de Compostela, 24 de febreiro de 2020

Axentes do grupo de Menores da Policía Autonómica levaron a cabo un total de 84 inspeccións de control de venda e consumo de bebidas alcohólicas e tabaco en 7 concellos galegos entre o 17 e o 23 de febreiro de 2020. Nestes controis identificáronse a 46 persoas e levantáronse 19 actas de infracción.

Por parte dos distintos Grupos de Menores da Policía Autonómica da Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Vigo e Santiago de Compostela, nesta pasada semana realizáronse 25 dispositivos de control de menores en risco de desamparo (absentismo escolar e consumo de alcohol/tabaco e drogas en menores de idade), nos concellos da Coruña, Cambados, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago de Compostela e Vigo.

Como resultado do dispositivo levado a cabo, foron identificadas 46 persoas e inspeccionadas 84 zonas de ocio, locais e centros comerciais. Levantáronse 19 actas de infracción, 18 delas por consumo de alcohol e unha por infracción á Lei 4/2015 de protección da seguridade cidadá.

A Policía Autonómica, dende a entrada en vigor da Lei 11/2010, de prevención de bebidas alcohólicas aos menores de idade, leva a cabo diversos dispositivos policiais por toda a comunidade galega, para velar polo cumprimento da mesma e previr o consumo deste tipo de bebidas polos menores de idade.

Nestes dispositivos, ademais das denuncias pola infracción da Lei 11/2010, tamén se informa aos propietarios dos locais do seu contido, das actuacións que deben levar a cabo para o cumprimento da mesma e evitar o consumo de alcol entre os menores de idade, así como, que por parte da Policía Autonómica se continuará coas actividades necesarias para velar polo cumprimento da norma.