A Xunta avoga por unha xestión forestal que garanta a sustentabilidade do monte a través do impulso de especies autóctonas

O conselleiro salientou que a finalidade deste proxecto é conformar un monte periurbano que combine os aproveitamentos forestais co uso social duns terreos tan próximos á cidade de Vigo

As actuacións lévanse a cabo nos terreos das comunidades de montes de Valadares, San Andrés de Comesaña, Coruxo e Zamáns
 

Vigo, 24 de febreiro de 2020

O conselleiro do Medio Rural, José González, achegouse esta mañá ao concello de Vigo para supervisar os traballos de recuperación e rexeneración do potencial forestal nos montes da contorna da cidade olívica, que resultaron afectados polos incendios. Na súa visita estivo acompañado do director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, e do presidente da Mancomunidade de Montes de Vigo, Uxío González, e os presidentes das comunidades de montes veciñais en man común de Valadares, de San Andrés de Comesaña, de Coruxo e de Zamáns.

Durante a súa visita, José González avogou por unha xestión forestal que garanta a multifuncionalidade e sustentabilidade económica, ambiental e social do monte, cun firme propósito de anticipación aos incendios mediante o impulso de especies autóctonas, especialmente das frondosas.

Neste senso, o conselleiro sinalou que grazas ao convenio subscrito entre a Consellería, a Mancomunidade de Montes de Vigo e cada unha das comunidades de montes veciñais en man común afectadas polos incendios de 2017, estase a traballar xa en terreos destas catro comunidades.

Así, comezouse nos montes de San Andrés de Comesaña e Zamáns, onde se procederá a plantar case 11 hectáreas de piñeiro e preto de 5 hectáreas de frondosas no primeiro dos casos e, xa no segundo, plantarase unha superficie de 1,6 hectáreas de frondosas, ademais de crear catro peches protectores de masa de piñeiro dunha superficie de 69 hectáreas.

Doutra banda, o conselleiro informou que se atopan en fase de adxudicación os labores a desenvolver nos montes veciñais de Coruxo e Valadares e destacou que, estes traballos, forman parte da primeira fase dun proxecto moito máis amplo. Nesta sentido, o titular de Medio Rural salientou que o obxectivo é crear unha área de ocio na contorna da cidade olívica, cun monte en perfecto estado, coa finalidade de que “sexa rendible dende o punto de vista económico, social e medioambiental”, dixo o conselleiro.

Para iso, salientou José González, nos terreos destas catro comunidades de montes levaranse a cabo plantacións de frondosas e coníferas, rareos sobre rexenerado de coníferas e realización de peches para protección do rexenerado. Así mesmo, tamén se procederá á eliminación de brotes de eucaliptos e acacias e ao arranxo de infraestruturas forestais. A finalidade, a través desta colaboración entre a Administración e a Mancomunidade de Montes de Vigo, é conformar un monte periurbano que combine os aproveitamentos forestais co uso social duns terreos que están tan preto da cidade.

Axudas sector forestal

Neste senso, sinalou o titular de Medio Rural, queda clara a aposta do Goberno galego por un monte multifuncional no que predominen as especies autóctonas. Por iso, o conselleiro lembrou que está aberto o prazo para solicitar as achegas para accións de silvicultura, as destinadas á elaboración e instrumentos de ordenación ou xestión forestal e as axudas para previr danos causados polos lumes.

Ademais, José González tamén indicou que este ano se convocaron as subvencións de forestación, que permiten plantar con coníferas e frondosas os terreos ocupados por eucalipto con diámetro normal medio inferior a 10 cm e deste xeito incentivar o cambio de especie nesas zonas, especialmente aquelas áreas de rebrote de pequenos eucaliptos, sobre todo en terreos afectados por incendios como son os terreos que hoxe se visitaron.
 

Imaxes relacionadas