O INE constata que o turismo en Galicia medra por riba da media española en xaneiro, cun incremento dun 9%

Os primeiros datos de 2020 do Instituto Nacional de Estatística indican que os hoteis galegos acadan os niveis de rendibilidade máis altos da década

Santiago de Compostela, 24 de febreiro de 2020

O Instituto Nacional de Estatística (INE) publica hoxe os primeiros datos turísticos de 2020, que indican que o turismo en Galicia medrou por riba da media española. En concreto, a demanda incrementouse na nosa Comunidade un 9%, fronte ao 3% a media estatal.

Segundo o INE, os hoteis e pensións de Galicia recibiron en xaneiro 179.479 viaxeiros -un 8,2% máis que hai un ano- que fixeron 338.030 noites, o que supón un crecemento do 9%, dando así continuidade á evolución de 2019.

En termos de mercado, os datos estatísticos difundidos indican que melloran todos os perfís de viaxeiros. O turismo interno medra un 3%, o turismo nacional un 15,7% e o internacional un 7,2% en relación ao mes de xaneiro de 2019. Con máis de 61.000 noites, o turismo internacional acada neste primeiro mes do ano un máximo histórico de demanda hoteleira en Galicia.

Incremento na estadía media

En xaneiro tamén se incrementou a ocupación, en case dous puntos porcentuais. O INE revela, ademais, que as tarifas hoteleiras encadean cinco anos consecutivos de crecemento, en concreto dun 8,8%.

Este incremento das tarifas, engadido á mellora dos niveis de demanda e ocupación, trae consigo que os hoteis galegos melloren tamén en resultados económicos. Neste sentido, a rendibilidade medrou un 5,6%, colocando a cifra na máis elevada da década.

Imaxes relacionadas