A Xunta aposta pola mellora da eficiencia enerxética das súas infraestruturas administrativas

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou a importancia destas actuacións para reducir o consumo enerxético e mellorar as condicións de traballo dos empregados públicos e a calidade do servizo prestado á cidadanía

Alfonso Rueda, asistiu á toma de posesión da nova secretaria territorial do Goberno galego, Marta Iglesias

Vigo, 24 de febreiro de 2020

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe a aposta do Goberno galego pola renovación das súas infraestruturas para mellorar as condicións de traballo dos seus empregados e a calidade de atención a todas persoas que fan uso diario destas instalacións.

No edificio desta delegación da Administración autonómica están previstas actuacións de mellora da eficiencia enerxética do edificio, así como a renovación do mobiliario e a climatización da Oficina de Rexistro e Atención á Cidadanía. Desta forma, dáse resposta aos novos requirimentos e demandas dos máis de 1.000 usuarios que recibe cada día o edificio administrativo do Goberno galego en Vigo.

Alfonso Rueda explicou a necesidade da renovación das infraestruturas administrativas do Goberno galego e da posta en marcha de novas tecnoloxías que permitan obter importantes aforros económicos e tamén de enerxía, ao reducirse a emisión de CO2 e o consumo de kilovatios.

Para levar a cabo estas melloras, o Plan de Mellora nos edificios administrativos da Xunta avoga ademais pola recuperación de edificios emblemáticos do patrimonio histórico e de inmobles situados en núcleos de poboación, o que contribúe a mellorar os espazos urbanos. A través deste Plan lévanse a cabo actuacións que permiten reducir o consumo de enerxía e dotar aos profesionais e cidadáns de mellores medios materiais ao seu servizo.

Toma posesión secretaria territorial

A presentación realizouse aproveitando a toma de posesión da nova secretaria territorial do Goberno galego, Marta Iglesias. No acto tamén participaron a secretaria xeral técnica da Vicepresidencia, Beatriz Cuiña, e a delegada territorial da Xunta en Vigo, Corina Porro. Ademais, asistiu a directora xeral de Administración Local, Marta Fernández Tapias.

Imaxes relacionadas