Ángeles Vázquez subliña na XXV Festa da Camelia a importancia de protexer e poñer en valor as árbores senlleiras de Galicia

Vedra (A Coruña), 23 de febreiro de 2020

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, subliñou esta mañá a relevancia e o gran valor cultural, ornamental e mesmo científico que atesouran moitas árbores da comunidade, polo que incidiu na necesidade de garantir a súa protección e posta en valor. Durante a inauguración da XXV Festa da Camelia no Concello de Vedra, explicou que precisamente con este obxectivo a Xunta creou hai xa 13 anos o Catálogo galego de árbores senlleiras, un inventario que inclúe ata 190 elementos e no que se poden atopar “auténticas reliquias botánicas” repartidas por toda a comunidade.

No caso concreto da camelia, a conselleira lembrou que no rexistro autonómico figuran ata seis camelias pertencentes a tres especies diferentes e que un destes exemplares se atopa no Pazo de Santa Cruz de Rivadulla, en Vedra. Ao respecto, Vázquez Mejuto salientou o ben que se adaptou esta planta de orixe asiática ao clima e ás condicións do solo en Galicia, ata o punto de que hoxe en día se poden atopar ata 8.000 variedades de camelia na comunidade e existen varias rutas turísticas que xiran ao seu redor para dar a coñecer a súa presenza en pazos e casas señoriais, nos Paradores galegos e tamén en adegas.

Imaxes relacionadas