Política Social reúnese con Acega para abordar a situación das persoas celíacas en Galicia

A directora xeral de Familia coincide coa entidade na necesidade de facilitar a identificación dos establecementos de hostalería que ofrecen opcións seguras para as persoas que non poden inxerir glute

Santiago de Compostela, 23 de febreiro de 2020

A directora xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Amparo González, reuniuse coa presidenta da Asociación Celíacos Galicia (Acega), Maite García. O obxectivo desta xuntanza foi o de avanzar no traballo en común entre a Xunta de Galicia e esta entidade, que leva máis de dúas décadas apoiando ás persoas afectadas pola enfermidade celíaca.

Amparo González considera de gran importancia a tarefa que realiza a asociación coa organización de cursos de formación. Así mesmo, coincidiu coa entidade na necesidade de facilitar a identificación dos establecementos de hostalería que ofrecen opcións seguras para as persoas que non poden inxerir glute.

A directora xeral de Familia gabou o labor que realiza Acega para que as persoas celíacas teñan unha correcta información sobre a súa enfermidade, que produtos poden ou non comer, como manipular os alimentos para evitar unha contaminación cruzada ou que normas se deben seguir para comer fóra da casa con seguridade. Así mesmo, a entidade organiza xornadas de convivencia e foros de encontro entre os seus asociados, cursos de cociña sen glute ou campañas de sensibilización social, entre outras accións.

Imaxes relacionadas