Galicia colabora no deseño de guías para a adaptación dos sectores pesqueiro e acuícola europeos ao cambio climático

O Centro Tecnolóxico do Mar e os seus socios do proxecto europeo ClimeFish presentarán a próxima semana as ferramentas desenvolvidas en catro anos de traballo para coñecer e afrontar os efectos deste fenómeno climatolóxico

A presentación de resultados será no marco do Foro Internacional 2020 sobre os Efectos do Cambio Climático na Pesca e na Acuicultura, que se celebra os días 25 e 26 de febreiro na sede da FAO en Roma

Ao encontro asistirán representantes galegos do sector do mexillón e da Consellería do Mar, que colaboraron no estudo de caso realizado en Galicia sobre este molusco

Vigo, 23 de febreiro de 2020

O Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación Cetmar e os seus socios no proxecto europeo ClimeFish presentarán a próxima semana os resultados do traballo realizado durante catro anos para facilitar a adaptación ao cambio climático nos ámbitos da pesca e da acuicultura en Europa. Será durante a celebración do Foro Internacional 2020 sobre os Efectos do Cambio Climático na Pesca e na Acuicultura, un encontro que organiza o consorcio ClimeFish os días 25 e 26 de febreiro na sede da Organización das Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura (FAO).

O ente dependente da Consellería do Mar participará no evento, que supón o peche deste proxecto europeo, cunha sesión que promoverá a interacción e o diálogo entre científicos, representantes da administración e dos sectores pesqueiro e acuícola. Nela presentará a plataforma desenvolvida no marco desta iniciativa para apoiar na toma de decisións e facilitar a adaptación ao cambio climático.

Esta ferramenta é o resultado máis relevante de ClimeFish e para a súa consecución os socios do proxecto contaron coa contribución e participación de científicos e partes interesadas nun proceso interactivo liderado polo Cetmar. Froito dese traballo, a plataforma inclúe ferramentas para coñecer e abordar os efectos, riscos e oportunidades relacionados co cambio climático así como guías para facilitar a adaptación nos eidos pesqueiro e acuícola.

O foro será inaugurado polo director de pesca e acuicultura da FAO, Manuel Barange, e por representantes da Dirección Xeral de Investigación e Innovación da Comisión Europea e analizará os retos que o cambio climático presenta na actualidade para os sectores da pesca e da acuicultura europeas así como as posibilidades de afrontalos.

Neste sentido, o encontro contará coa participación de representantes galegos do sector do mexillón e da Consellería do Mar que colaboraron no proxecto xunto ao Centro Tecnolóxico do Mar e o Instituto de Investigacións Mariñas, dependente do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) no estudo do caso do mexillón, un dos dezaseis desenvolvidos no marco deste proxecto.

Ademais dese labor, o Cetmar promoveu a interacción coas partes interesadas durante todo o proceso, conseguindo a participación de preto de 150 axentes relacionados co sector nunhas vinte reunións específicas. O traballo do ente dependente da Consellería do Mar tamén contribuíu a xerar unha maior conciencia sobre os impactos do cambio climático na pesca e na acuicultura mariña e de auga doce e supuxo o punto de inicio para o desenvolvemento de medidas de adaptación en sete casos de 10 países europeos.

O proxecto ClimeFish, financiado pola Unión Europea a través do programa Horizonte 2020 e cun presuposto de cinco millóns de euros, desenvolveuse entre 2015 e 2020 coa participación de 21 socios que, ademais do caso galego, desenvolveron 16 estudios de caso para os sectores da pesca e acuicultura mariña e continental que inclúen máis de 25 especies en toda Europa, Canadá, Chile e Vietnam.

Imaxes relacionadas