A Xunta destaca a aposta das empresas galegas pola Industria 4.0 no Congreso de Empresarias e Directivas do Atlántico en Oviedo

A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, defendeu a necesidade de diversificar o tecido industrial, avanzar na transformación dixital e potenciar a competitividade a través da innovación

Oviedo (Asturias), 22 de febreiro de 2020

A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, participou este venres no I Congreso de Empresarias e Directivas do Atlántico en Oviedo, convidada pola asociación Executivas de Galicia. Na súa intervención nunha mesa redonda sobre Industria 4.0, transición enerxética e innovación, Argerey subliñou que unha das prioridades en Galicia é acadar un novo modelo industrial sustentado na competitividade e no coñecemento, tal como recolle a Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia 2014-2020 (RIS3).

Para acadar este reto, Argerey defendeu a necesidade de potenciar a competitividade do tecido industrial galego mediante a innovación nos procesos produtivos, para conseguir unha fábrica máis eficiente e cun mellor comportamento ambiental, a través de instrumentos como o programa Fábrica Intelixente, que apoia a incorporación das solucións avanzadas que ofrece a Industria 4.0 á industria galega. Tamén expuxo a Estratexia Galega dos Hubs de Innovación Dixital que pretende impulsar a transformación dixital das pemes a través deste novo instrumento de colaboración público-privada que proporcionará ás pemes acceso a tecnoloxías punteiras e outras ferramentas necesarias para a súa transformación dixital, contribuíndo á súa modernización e competitividade.

Argerey destacou tamén que a innovación é un factor clave no asentamento da industria no territorio e puxo como exemplo o Polo Aeroespacial de Galicia que está contribuíndo a desenvolver un novo sector aproveitando as capacidades de sectores industriais moi arraigados como a automoción, o naval e o téxtil para impulsar un novo sector de alta tecnoloxía con grande potencial de futuro, como o aeroespacial. En colaboración con grandes empresas como Indra, Babcock e Boeing está xerando un efecto tractor sobre o tecido empresarial galego e o resto do ecosistema de innovación galego.

A asociación Empresarias e Directivas do Atlántico (EDA) é un colectivo que persegue conseguir visibilidade e empoderamento, a través da busca da igualdade profesional, salarial e a corresponsabilidade familiar. A asociación Executivas de Galicia forma parte deste colectivo, xunto coa Federación de Empresarias y Directivas de Asturias (FEDA), organizadora do congreso.

Imaxes relacionadas