O conselleiro do Medio Rural reuniuse hoxe con gandeiros de Bande en compañía do director xeral de Gandaría e o alcalde deste municipio ourensán, ademais de visitar un sementeiro da localidade

A Xunta recuperará case 200 hectáreas de pastos da provincia de Ourense na primeira fase do Plan de pastoreo de Galicia

José González animou aos concellos a que soliciten a súa participación no Plan, destacando que de momento se prevé poñer en valor unhas 2250 hectáreas de pasteiros en toda a comunidade

O conselleiro lanzou unha mensaxe de tranquilidade aos gandeiros ao respecto dos fondos que chegarán da PAC, ao tempo que sinalou que un recorte sería letal para Galicia

Tamén recalcou que o Goberno galego está a traballar para lograr uns prezos xustos para o agro no marco das estratexias da carne, o lácteo e o viño
 

Bande (Ourense), 21 de febreiro de 2020

O conselleiro do Medio Rural, José González, mantivo hoxe un encontro con gandeiros do concello ourensán de Bande, acompañado do director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, e do alcalde da localidade, José Antonio Armada. O conselleiro aproveitou para destacar que a Xunta prevé comezar a executar entre maio e xuño deste ano os primeiros pastos no marco do Plan de pastoreo de Galicia, seis deles na provincia de Ourense cunha superficie total de actuación de 183 hectáreas.

José González sinalou que a gandería en extensivo de carne propia de zonas como a que hoxe visitou “é unha cuestión que interesa moito no marco da multifuncionalidade do monte” e por iso a Xunta está a promover este plan de posta en valor dos pasteiros. Así, na primeira fase proxectaranse pastos en concellos como os ourensáns de Beariz, Ramirás, Sarreaus, Cualedro, Montederramo e Paderne de Allariz. O obxectivo é múltiple: non só se busca recuperar os recursos naturais senón tamén anticiparse aos lumes forestais e garantir a rendibilidade das explotacións agrogandeiras.

O titular de Medio Rural destacou que nesta iniciativa “imos da man dos concellos, que nos fan as súas propostas, e en colaboración coas comunidades de montes” se desenvolven todas as actuacións. Nesa liña, animou aos consistorios galegos a sumarse ao Plan de pastoreo. De momento, en toda a comunidade prevese poñer en valor unhas 2250 hectáreas.

No seu encontro con gandeiros José González quixo lanzar unha mensaxe de tranquilidade ao respecto da PAC, dicindo que cómpre ser cautos porque os fondos aínda se están a negociar. Con todo, apuntou que un recorte nas partidas sería letal para Galicia, polo que a Xunta seguirá traballando xunto co Ministerio de Agricultura para defender os intereses das explotacións galegas.

O conselleiro lembrou que xa se poden solicitar estas axudas da PAC e que tamén se pode acceder aínda a outras achegas importantes para o sector, como as destinadas a apoiar os plans de mellora, a incorporación de mozos e mozas ao agro e o desenvolvemento de pequenas explotacións, así como as dirixidas á transformación e comercialización de produtos agrarios.

Canto á situación dos prezos, o conselleiro do Medio Rural lembrou que a Xunta tomou a dianteira instando ao Goberno central a modificar a lexislación nacional para evitar a venda a perdas no agro. Entre tanto, o executivo galego está avanzando nas estratexias sectoriais da carne, o lácteo e o viño levando a cabo unha análise dos custos de produción. O obxectivo é establecer uns índices de referencia para fixar uns prezos xustos, que cubran eses custos máis as marxes de beneficio para os agricultores e gandeiros.

Sementeiro da CMVMC Monte Grande

En Bande o conselleiro tamén visitou o sementeiro da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común Monte Grande, unha mouteira de piñeiro silvestre con 58 hectáreas inscritas para a recollida de semente de categoría seleccionada (etiqueta verde).

González aproveitou para lembrar que Galicia é pioneira en España por ser autosuficiente na produción de sementes forestais de gran calidade grazas aos centros da Xunta. Cada ano facilítanse ao sector uns 1000 kg de sementes de frondosas e outros 650 de coníferas.
 

Imaxes relacionadas