Román Rodríguez subliña a importancia do patrimonio cultural do Entroido no desfile infantil de Xinzo de Limia

O conselleiro de Cultura e Turismo visitou hoxe o municipio da comarca da Limia onde escolares de preto de 20 centros educativos percorreron as rúas disfrazados

O Entroido de Xinzo de Limia contribúe a acrecentar o atractivo turístico no inverno e é o primeiro galego en ser declarado Festa de Interese Turístico Internacional

Román Rodríguez participou onte en Verín nas actividades programadas no marco do Xoves de Comadres entre as que se incluía a Procesión das Antorchas

Xinzo de Limia (Ourense), 21 de febreiro de 2020

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, asistiu hoxe ao desfile infantil celebrado en Xinzo de Limia no marco do Venres do Entroido. Trátase dun acto no que participaron escolares de preto de 20 centros educativos que, disfrazados, percorreron algunhas das principais rúas deste municipio.

Na súa visita, o titular de Cultura e Turismo destacou que o Entroido de Xinzo e as Pantallas, a personaxe principal desta celebración, son unha das maiores riquezas do patrimonio cultural de Galicia e unha das manifestacións populares máis importantes do ano que contribúen a acrecentar o atractivo turístico da Comunidade tamén durante o inverno. Nesta liña, Román Rodríguez lembrou que o pasado ano o Entroido de Xinzo de Limia foi declarado Festa de Interese Turístico Internacional.

Ademais do de Xinzo de Limia, a provincia de Ourense conta con outros entroidos recoñecidos como o de Verín, declarado Festa de Interese Turístico Nacional no ano 2009. Precisamente, o titular de Cultura e Turismo da Xunta visitou onte esta localidade para participar nas actividades programadas no marco de Xoves de Comadres entre as que se incluía a tradicional Procesión das Antorchas encabezada por Don Carnal que descendeu polo camiño Real e percorreu a vila ata a Praza Maior.

Existen outros sete entroidos máis que están declarados Festas de Interese Turístico de Galicia: Viana do Bolo, Cobres, Laza, Manzaneda, Xenerais da Ulla –que comprende ata nove concellos–, Maceda e Vilariño de Conso. Todas elas son celebracións que permiten poñer en valor a identidade galega ao tempo que nos diferencian como destino turístico.

Imaxes relacionadas