A Xunta lembra que está aberto o prazo para poñer en marcha unha casa niño nos 23 concellos sen servizo de conciliación

A directora xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Amparo González, visitou esta mañá a casa niño da Veiga

A Veiga (Ourense), 21 de febreiro de 2020

A directora xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Amparo González, visitou esta mañá a casa niño da Veiga, onde sinalou que, tal e como recolle o Diario Oficial de Galicia (DOG), está aberto o prazo para que os 23 concellos sen ningún servizo de conciliación poidan solicitar a apertura dun destes centros.

Amparo González destacou a calidade destes servizos que, como acontece na Veiga, axudan á conciliación das veciñas e veciños dos municipios máis pequenos. As casas niño son pequenos centros de atención á infancia totalmente gratuítos para as familias que atenden a un máximo de cinco nenos. A casa niño da Veiga está aberta desde 2016 e atende na actualidade a catro cativos.