O luns pecha o prazo para solicitar axudas para a celebración de obradoiros duais de emprego

A iniciativa enmárcase no Plan galego de formación e está destinado a persoas en situación de desemprego

O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Pablo Casal, mantivo encontros co alumnado de varias accións formativas que se están desenvolvendo na Mariña

Viveiro (Lugo), 21 de febreiro de 2020

O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Pablo Casal, lembrou esta semana na Mariña lucense que o luns, 24 de febreiro, pecha o prazo para que os concellos, mancomunidades e entidades sen ánimo de lucro do sector forestal soliciten as axudas destinadas á celebración de obradoiros duais de emprego.

A iniciativa cumpre este ano a súa terceira edición para a que contará cunha dotación de 23,2M€. A medida, un programa mixto de emprego e formación mediante a realización de obras ou prestación de servizos de interese xeral, ten como obxectivo apoiar 66 proxectos e ofrecer 1400 prazas a persoas en situación de desemprego.

O director mantivo diferentes encontros co alumnado de varias accións de formación para o emprego que se están celebrando na Mariña dirixidas a persoas no paro co obxectivo de apoiar a súa empregabilidade. Así, os concellos do Vicedo Ourol e Muras realizan o obradoiro Terras do Sor onde 20 alumnos están adquirindo coñecementos teórico-prácticos no eido da carpintería e moble e atención sociosanitaria a persoas dependentes no domicilio.

Por outra parte, a Academia A Mariña, en Burela, imparte dous cursos para desempregados: o de competencia matemática nivel 2, no que participan 14 persoas e outro de operacións auxiliares de montaxe e mantemento de sistemas microinformáticos, co que se accede ao certificado de profesionalidade nivel 1, cun total de 10 alumnos.

Finalmente, en Viveiro o centro de formación profesional-ocupacional está celebrando tres cursos para desempregados: un de confección e publicación de páxina web, outro de montaxe e mantemento de sistemas domóticos e inmóticos e outro de operacións auxiliares de fabricación mecánica.

Todas estas iniciativas forman parte do Plan galego de formación para o emprego co que se pretende contar cunha Galicia máis preparada e con máis oportunidades laborais.

Imaxes relacionadas