Lete Lasa asegura que as dúas medallas de bronce acadadas por Sara Viéitez no Europeo de Roma apuntalan á loita galega como referente internacional

O secretario xeral para o Deporte destacou “que todo o traballo levado a cabo polo tecido deportivo da loita recolle os seus froitos con estas dúas medallas, sendo a primeira vez que unha loitadora galega acada unha presea continental“ e augura “innumerables triunfos nas diferentes categorías nas vindeiras competicións”

Vigo, 20 de febreiro de 2020

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, acompañado da delegada territorial da Xunta en Vigo, Corina Porro, recibiu a Sara Viéitez, loitadora viguesa do Club Independiente de Vigo que acadou dúas medallas de bronce nos Campionatos de Europa de Grappling e Grappling-Gi, na categoría de -53kg, celebrados do 16 ó 18 de Febreiro en Roma (Italia).

Por primeira vez na historia da Federación Galega de Loita e D.A. unha deportista acadou unha medalla europea. A viguesa Sara Viéitez acadou o luns 17 a medalla de bronce en Loita Grappling o vencer en primeira rolda a Horbushko (Ucraína) por 9-0, caeu en segunda rolda contra a española Naiomi Matthews por 2-10 e venceu o bronce contra Voros (Hungría) por 7-0, para acadar a medalla de bronce en -53kg.

Na competición de Grappling-Gi (con quimono), o martes 18 de febreiro gañou en primeira rolda a Skrypnyk (Ucraína) por superioridade técnica, en segunda rolda caeu ante Tonelli (ITA), por 5-14, para loitar o bronce contra Voros (Hungría) e gañar 8-5.

Neste Campionato de Europa tamén participaron Lydia Pérez e José Cuba nas modalidades de Loita Libre Olímpica feminina -62 kg e masculina -125 kg, acadando a 7ª e 18ª posición, respectivamente.

Cabe salientar o importante traballo que tanto a Federación Galega de Loita e D.A. como os diferentes clubs galegos, técnicos, xuíces-árbitros e deportistas están desenvolvendo en favor deste deporte. Máis de 1.700 deportistas con licenza federativa galega, máis de 350 nenos e nenas de 6-16 anos no programa Xogade, 14 deportistas no Centro Galego de Tecnificación Deportiva, unido á organización na nosa Comunidade Autónoma dun innumerable número de competicións, como foi o Campionato de Europa Junior de Loitas Olímpicas, celebrado en Pontevedra o ano pasado.

Imaxes relacionadas