Cecilia Pereira destaca o valor dos espazos verdes ao carón da ruta Xacobea na presentación de ‘Xardíns do Camiño’

A comisaria do Xacobeo 2021 participou na presentación deste proxecto que busca ser unha ferramenta de estudo, proxección e difusión destes recursos

A iniciativa forma parte de ‘O teu Xacobeo’, o programa posto en marcha polo Goberno galego para fomentar a participación da cidadanía

Santiago de Compostela, 20 de febreiro de 2020

A comisaria do Xacobeo 2021, Cecilia Pereira, participou hoxe en Santiago na presentación de Xardíns do Camiño, unha iniciativa enmarcada no programa de O teu Xacobeo, que consiste nunha páxina web na que atopar información sobre os xardíns que forman parte do Camiño de Santiago. O proxecto ofrece, ademais, información actualizada, reportaxes, imaxes, artigos de opinión, informes botánicos e comentarios de peregrinos e visitantes dos espazos verdes máis significativos.

Xardíns do Camiño está aloxada na plataforma galiciangarden.com e pretende ser un espazo de estudo, proxección e difusión destes lugares ao longo do itinerario xacobeo, prestando especial atención aos xardíns galegos. Forman parte desta iniciativa a Illa das esculturas, en Pontevedra; o Pazo de San Lourenzo, en Trasouto; a Casa Museo de Rosalía de Castro, en Padrón; Bonaval e Belvís, en Santiago; o xardín do Pasatempo, en Betanzos, os xardíns botánicos de Padrón ou de Caldas de Reis, o espazo Caritel de Foz ou o xardín do Labirinto de Pedrafita do Cebreiro. Na web poderán consultarse, ademais, coordenadas XPS, o tipo de xardín do que se trata, detalles sobre o seu deseño, servizos que ofrece ou a súa historia.

Na presentación do proxecto, a comisaria do Xacobeo 2021, Cecilia Pereira, que estivo acompañada polos coordinadores do proxecto, José Manuel Mouriño e Eva Barcala, salientou o valor desta ferramenta que conecta os espazos verdes da Ruta Xacobea coa experiencia do peregrino, enriquecéndoa.