As exportacións galegas volven marcar un novo récord ao superar os 22.000 millóns de euros en 2019

As vendas ao exterior das empresas da Comunidade sumaron o ano pasado un total de 22.196,7M€, tras experimentar unha suba do 18,4% en decembro

Galicia rexistra unha balanza comercial positiva en 2.382,5M€, mentres que a nivel nacional se acumula un déficit de 31.979,6M€

Destaca o incremento das vendas a América do Norte (+23,1%), África (+8,6%) e Asia (+6,8%)

A Xunta ten activa unha nova liña de apoios dirixida a impulsar a internacionalización dixital do tecido produtivo galego, dentro dos programas Galicia Exporta, que contan nesta edición con 11,2M€

Santiago de Compostela, 20 de febreiro de 2020

As exportacións galegas rexistraron o ano pasado un novo récord, cun total de 22.196,7 millóns de euros, superando nun millón de euros o dato definitivo de exportacións do 2018. No tocante ao saldo comercial, Galicia rexistra unha balanza positiva en 2.382,5 millóns de euros, mentres que a nivel nacional se acumula un déficit de 31.979,6 millóns de euros. En termos absolutos, a balanza comercial galega é a cuarta mellor das comunidades autónomas.

Segundo os datos difundidos hoxe polo Ministerio de Industria, Comercio e Turismo, nos que se calcula a evolución interanual en comparativa cos datos provisionais do ano anterior, as exportacións galegas experimentaron unha suba do 18,4% no mes de decembro con respecto ao mesmo mes do ano anterior, case tres veces o incremento rexistrado no conxunto de España, que sobe un 6,6%. Este incremento ten contribuído a que en 2019 Galicia superase por segundo ano consecutivo a barreira dos 22.000 millóns de euros e que a Comunidade estea vivindo o mellor ciclo exportador da súa historia.

Os produtos con maior repercusión positiva nas exportacións de decembro foron os vehículos automóbiles, que experimentan un incremento do 45,1% con respecto ao mesmo período do ano anterior, seguido polas materias téxtiles e as súas manufacturas, que soben un 26,2%. No acumulado do ano, cómpre destacar o crecemento das vendas ao exterior de máquinas e aparellos mecánicos (+10,2%), da industria química (+5%) e da industria agroalimentaria (+2,1%). Ademais, o ano pasado exportáronse barcos e embarcacións por valor de 246,9 millóns de euros. Por áreas xeográficas, en 2019 con respecto a 2018 destaca o incremento das vendas a América do Norte (+23,1%), África (+8,6%) e Asia (+6,8%).

Estes resultados poñen de manifesto o gran esforzo que están a realizar as empresas galegas, investindo en innovación e talento como clave para competir e internacionalizarse. Neste ámbito, a Xunta ten activa unha nova liña de apoios dirixida a impulsar a internacionalización dixital do tecido produtivo galego. Esta nova iniciativa reforza os programas Galicia Exporta, que no seu conxunto contan nesta edición con 11,2 millóns de euros.

Imaxes relacionadas