O director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Ildefonso de la Campa, visitou os centros da Asociación de pais de persoas con discapacidade intelectual en Viveiro

Política Social destaca a importancia da formación para acadar a plena inclusión das persoas con discapacidade intelectual

Felicita o traballo da entidade na mellora da calidade de vida dos usuarios dos seus centros de día e ocupacional

Viveiro (Lugo), 20 de febreiro de 2020

O director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Ildefonso de la Campa, visitou hoxe os centros de día e ocupacional da Asociación de pais de persoas con discapacidade intelectual (Aspanane) en Viveiro. Alí destacou a importancia da formación para acadar a plena inclusión das persoas con discapacidade na sociedade.

Así mesmo, felicitou á entidade polo seu esforzo e dedicación na atención dos seus usuarios e subliñou a necesidade de que administracións e entidades manteñan unha colaboración constante para mellorar a calidade de vida e as opcións sociolaborais das persoas con discapacidade.

O director xeral tamén visitou o centro de día de Alzhéimer do municipio lucense onde comprobou de primeira man o correcto funcionamento das súas instalacións e se interesou polas necesidades dos seus usuarios e as súas familias.