Anxo M. Lorenzo destaca a importancia do legado de Luís Seoane na presentación do catálogo que recolle as súas obras

O Museo de Belas Artes acolle ata o 8 de marzo unha mostra das pinturas deste polifacético artista datadas desde os anos 50 ata finais da década dos 70

A Coruña, 20 de febreiro de 2020

O director xeral de Políticas Culturais, Anxo M. Lorenzo, presentou hoxe o catálogo Luís Seoane no Museo de Belas Artes da Coruña. O legado de Maruxa Seoane, unha publicación que recolle as obras da gran exposición que a institución cultural dedica a este polifacético pintor e que permanecerá aberta ata o 8 de marzo.

Anxo M. Lorenzo lembrou a importancia de Seoane no ámbito das artes, representante das vangardas históricas do século XX e figura indiscutible do sentir cultural e político do exilio e da emigración galega en Bos Aires e América. Precisamente, a Real Academia Galega de Belas Artes dedicou o Día das Artes Galegas do 2019 a Luís Seoane.

A colección pon especial acento na compañeira do pintor, María Elvira Fernández, Maruxa Seoane, como promotora deste importante legado artístico que se traduce nun amplo abano de temas, técnicas e estilos. Así, o catálogo recolle a obra do pintor desde principios dos anos 50 ata pouco antes do seu falecemento no ano 1979. O seu universo iconográfico céntrase na muller galega, na natureza e a paisaxe, a guerra e a denuncia social e os mitos e lendas de Galicia.

As obras que conforman a mostra e que se reproducen no catálogo presentado hoxe foron legadas ao Museo a través da Asociación de Amigos do Museo de Belas Artes por vontade da viúva do pintor, que fomentou a súa conservación, retorno e difusión do legado do seu marido. Unha compilación de obras formada por 42 óleos, 252 gravados soltos e en carpetas e 6 libros ilustrados.