Díaz Mouteira anima aos ourensáns a solicitar praza en Elixe Galicia, o programa da Xunta de impulso ao turismo interno durante os meses fóra da tempada estival

A delegada territorial visitou o Centro Sociocomunitario de Ourense para informar aos pensionistas maiores de 55 anos que, xunto cos mozos menores de 30 anos e as familias con fillos menores de idade, son os destinatarios da iniciativa

O Goberno galego financia o 40% do custo de cada viaxe que permite visitar a Comunidade en distintos itinerarios: Vacacións en zonas costeiras, Rutas de Patrimonio Cultural, Rutas de Natureza e Estadías en Balnearios

Os interesados teñen de prazo ata o día tres de marzo para presentar a súa solicitude telemáticamente ou a través de calquera axencia de viaxes da Comunidade

Ourense, 20 de febreiro de 2020

A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, mantivo un encontro cos maiores do Centro Sociocomunitario Ourense-Centro para informarlles do programa Elixe Galicia, que vén de ofrecer o Goberno galego a distintos colectivos, entre os que se atopan os pensionistas maiores de 55 anos, para impulsar o turismo interno fóra da tempada estival. Esta iniciativa tamén está dirixida aos mozos menores de 30 anos e ás familias con fillos menores de idade.

No encontro Díaz Mouteira estivo acompañada polas xefas territoriais das Consellerías de Cultura e Turismo e Política Social, Sandra Quintas Vázquez e María José Fernández Laso, respectivamente.

Elixe Galicia oferta catro modalidades: Vacacións en zonas costeiras, Rutas de Patrimonio Cultural, Rutas de Natureza e Estadías en Balnearios. As viaxes desenvolveranse, en primeira quenda, entre o 13 de abril e o 20 de xuño e, en segunda, a partir do 11 de setembro. O Goberno galego financia o 40% do custo de cada viaxe, que no caso das opcións de estancias en balnearios e zonas costeiras teñen unha duración de cinco días e catro noites, mentres que no resto é de tres días e dúas noites.

A delegada territorial animou aos maiores a participaren neste programa “porque non é preciso ir moi lonxe para pasar as mellores vacacións e as catro provincias galegas contan cunha oferta turística de calidade para gozar da paisaxe, o termalismo, o patrimonio cultural ou o turismo enogastronómico durante todo o ano”.

Díaz Mouteira salientou, ademais, que este proxecto “favorecerá a creación de emprego de calidade”, pois están implicadas entre 70 e 90 empresas galegas, e permitirá a dinamización económica de áreas rurais, estimulando a actividade turística en tempada media e baixa, e mellorando o coñecemento de Galicia por parte dos propios galegos.

O Diario Oficial de Galicia publicou a convocatoria deste programa que oferta 12.800 prazas e os interesados teñen de prazo ata o día 3 de marzo para presentar a súa solicitude telemáticamente ou a través de calquera axencia de viaxes da Comunidade.

Imaxes relacionadas