O XI Congreso de Estudos Xacobeos analiza o papel de Berenguel de Landoria na peregrinación a Santiago

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, inaugurou hoxe o encontro, que se celebra ata o sábado no Museo das Peregrinacións e de Santiago e conta coa intervención de especialistas internacionais de gran proxección

Santiago de Compostela, 19 de febreiro de 2020

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, inaugurou hoxe o XI Congreso Internacional de Estudos Xacobeos, que este ano está dedicado á figura do arcebispo Berenguel de Landoria con motivo do sétimo centenario da súa chegada á sede compostelá.

Durante a súa intervención, o titular de Cultura destacou o papel deste persoeiro histórico, “un dos verdadeiros promotores do culto a Santiago xunto cos copistas do Códice Calixtino” e impulsor da función vertebradora da sociedade do Camiño de Santiago a través de tres pilares: infraestrutura física e asistencial, o patrimonio cultural e paisaxístico e a convivencia na ruta dos peregrinos. “Todos estes valores fan do Camiño unha canle de comunicación e de cultura recoñecida en todo o mundo, algo que temos que agradecer ao arcebispo Berenguel de Landoria”, afirmou Román Rodríguez.

Este encontro, organizado polo Comité Internacional de Expertos do Camiño de Santiago, celebrarase ata este sábado no Museo das Peregrinacións e de Santiago e contará coas intervencións de 20 relatores procedentes de países como Italia, Alemaña, Polonia ou Estados Unidos, entre outros. Todos eles son veteranos representantes de institucións, cátedras e centros de estudos, aos que se unirán especialistas con gran proxección que tamén presentarán valiosas reflexións e achegas sobre aspectos significativos de Berenguel de Landoria e sobre a cultura xacobea.

Coñecemento no Xacobeo 21

A cita, que se celebra desde o ano 1993, conta coa dirección científica de Adeline Rucquoi, membro do Comité Internacional de Expertos do Camiño de Santiago e doutora en historia pola Universidade da Sorbona (París) e directora de Investigación emérita no Centro Nacional de Investigacións Científicas de Francia. Neste contexto, Román Rodríguez invitou a todo aquel que investiga e escribe sobre o culto a Santiago e á peregrinación xacobea a que sigan participando neste e en vindeiros encontros nos que xogan un papel fundamental para seguir afondando no legado xacobeo, ao tempo que contribúen a que Europa e Galicia “sexan o espazo de convivencia e progreso que todos desexamos”, concluíu.

Cómpre destacar que este edición enmárcase na programación do Xacobeo 21 presentada o pasado mes de decembro e que ten por obxectivo que a poboación galega participe e goce do Camiño. Máis polo miúdo, este Congreso forma parte do programa Xacobeo Reflexión co que a Xunta busca xerar un espazo de análise da realidade espiritual e da carga simbólica do Camiño e do Xacobeo a través do coñecemento e do debate.

Imaxes relacionadas