Lete Lasa destaca o “esforzo e valentía” dos mozos e mozas do bádminton galego que acadan importantes resultados internacionais alá por onde van

O secretario xeral para o Deporte asegura que “o futuro deste deporte está garantido grazas a esta incrible xeración de galegos e galegas, un traballo que vén desde a escola, xa que case máis de 7.000 rapaces e rapazas practican bádminton dentro do programa Xogade tanto na modalidade escolar como na federada”

Vigo, 19 de febreiro de 2020-

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, acompañado da delegada territorial da Xunta en Vigo, Corina Porro, a unha delegación de deportistas galegos e galegas de bádminton con importantes resultados internacionais.

A comitiva recibida no edificio da Xunta estivo composta por Ania Setién, que vén de brillar no Europeo de Francia acadando puntos decisivos para España xunto a Carolina Marín e posúe ademais tres medallas de bronce en Campionatos Internacionais Júnior en dobres femininos xunto a Lucía Rodríguez, cuarta no ránking europeo sub 17 e que tamén estivo hoxe en Vigo. Lete Lasa tamén conversou con Gabriel Fernández (bronce no Internacional Júnior de Portugal en dobres masculinos), Jacobo Fernández e Javier Álava (bronce no Internacional Júnior de Hungría) e Martín Mosquera (subcampión español sub 15 en dobres masculinos).

Nas súas verbas o secretario xeral destacou o “esforzo e valentía” deste grupo de mozos e mozas que están acadando grandes resultados para o bádminton galego nun momento no que todas as miradas observan o que ocorre no noso país polos continuos éxitos acadados por Carolina Marín. Neste sentido, Lete Lasa asegurou que “o futuro deste deporte está garantido grazas a esta incrible xeración de galegos e galegas”. Un traballo dixo, que vén desde a escola, xa que case máis de 7.000 rapaces e rapazas practican bádminton dentro do programa Xogade tanto na modalidade escolar como na federada.

O responsable da carteira de Deporte tamén recoñeceu o traballo dos clubs dos deportistas como son o Club CIES Vigo, o Club del Mar de la Coruña, o Club Polideportivo Athlos, o C.E.R. de Vigo e o C.B. As Neves dos que valorou a súa gran aposta polo deporte de base. Do mesmo xeito valorou o traballo realizado desde o Centro Galego de Tecnificación Deportiva no que hoxe destacan 9 deportistas na modalidade de bádminton. “Somos a segunda comunidade autónoma con maior número de licenzas deportiva e con maior número de clubs e iso débese ao traballo de todos”, sentenciou.

Imaxes relacionadas