Esta iniciativa da resposta ao acordado pola conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e o alcalde Óscar Benito Portela, para a mellora do funcionamento hidráulico do río Maior

A Xunta remítelles ao Concello de Sada e á Deputación da Coruña unha proposta de convenio para colaborar nas obras de prevención das inundacións

Trátase de impulsar as obras precisas para dar solución o mal funcionamento, a insuficiencia de capacidade de desaugue, e os continuos atrancos dos ríos Maior e Fontoria no treito final

O custo total das actuacións serán asumidas a partes iguais por Augas de Galicia, o organismo provincial da Coruña e a Administración local, 500.000 euros cada unha

Mediante este convenio o organismo hidráulico da Xunta supervisará o proxecto e executará as obras, e o seu mantemento no período de garantía

O Concello de Sada obrígase a presentar o proxecto das obras e a posta a disposición de Augas de Galicia os terreos necesarios para a súa execución, asumindo as instalacións correspondente para o seu mantemento e conservación

Para o cumprimento do obxecto deste convenio, a deputación da Coruña obrígase a colaborar coas outras partes no desenvolvemento das actuacións

Santiago de Compostela, 19 de febreiro de 2020

Augas de Galicia vén de remitirlles hoxe ao Concello de Sada e á Deputación provincial da Coruña, unha proposta de convenio para colaborar nas obras de prevención de inundacións no núcleo urbano desta vila, cun orzamento de 1,5 millóns de euros.

Esta iniciativa da resposta ao acordado pola conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e o alcalde Óscar Benito Portela, para a mellora do funcionamento hidráulico do río Maio, no núcleo urbano de Sada.

Trátase de impulsar as obras precisas para dar solución o mal funcionamento, a insuficiencia de capacidade de desaugue, e os continuos atrancos dos ríos Maior e Fontoria no treito final.

Esta actuación pode considerarse como unha primeira medida das que corresponda acometer pola declaración desta zona como Área de Risco Potencial de Inundacións, de tal xeito que contribuía a minimizar os riscos de inundación.

Segundo recolle o convenio, o custo total das actuacións contempladas ascende a 1,5 millóns de euros, que se asumiría a partes iguais por Augas de Galicia, a Deputación Provincial da Coruña e o Concello de Sada, 500.000 euros cada unha.

Na proposta da Xunta para acometer estas obras de mellora do funcionamento hidráulico do río Maior, no núcleo urbano de Sada, establécense así mesmo as demais obrigas de cada unha das partes.

Deste xeito, corresponde a Augas de Galicia a supervisión do proxecto de obra, a contratación e dirección das mesmas, e o mantemento da obra hidráulica durante o prazo de garantía das mesmas.

Pola súa parte o Concello de Sada obrígase a presentar o proxecto das obras e a posta a disposición de Augas de Galicia, antes do inicio das obras, dos terreos necesarios para a execución das mesmas, así como a tramitación ambiental do proxecto, de ser o caso. O Concello tamén se compromete a asumir as obras que pola súa natureza sexan susceptibles de tal recepción, e asumir o seu mantemento e conservación.

Finalmente, para o cumprimento do obxecto deste convenio, a Deputación Provincial da Coruña obrígase no ámbito das súas facultades, a colaborar coas outras partes no desenvolvemento desta actuación.