A Xunta impulsa a mellora do equipamento das instalacións culturais dos concellos cun investimento de 500.000 euros

O DOG publica a convocatoria que subvencionará actuacións como obras de reforma, ampliación e modernización ou adquisición de materiais técnicos
 

Santiago de Compostela, 19 de febreiro de 2020

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria de subvencións para 2020 destinadas á mellora e equipamento das instalacións e locais culturais de concellos destinados a actividades de carácter cultural, por importe de 500.000 euros.

O obxectivo é dotar cos medios necesarios ás entidades locais comprometidas coa acción cultural para que poidan executar as súas programacións, así como contar coas oportunas infraestruturas que lles permitan a adecuada realización das actividades culturais que promovan, garantindo o servizo público que prestan á cidadanía.

Poderán beneficiarse das subvencións previstas nesta convocatoria os concellos de Galicia mediante solicitude individual. Para elo, deberán ser titulares dos locais culturais para os que se solicitan as axudas e estes deberán contar cunha programación cultural estable ao longo do ano. Os concellos tamén poderán solicitar estas axudas mediante a modalidade de xestión compartida. Neste caso a agrupación deberá xestionar o servizo de forma conxunta, que suporá un aforro de custos respecto dos que implicaría a prestación individual, e tamén deberá ter subscrito un convenio de colaboración entre todos os concellos integrantes.

A axuda máxima por entidade local beneficiaria será de 30.000 euros, que en ningún caso poderá exceder do 90% do orzamento total do proxecto subvencionable. Este importe, ascenderá a 35.000 euros cando se trate de solicitudes realizadas por agrupacións de concellos. Serán obxecto de subvención as actuacións relativas ao equipamento e moblaxe de locais, a realización de obras de reforma, ampliación, modernización ou mellora de inmobles, así como a adquisición de materiais técnicos vinculados ao desenvolvemento das accións culturais.

Cómpre destacar que a percepción destas axudas é compatible con outras subvencións para a mesma finalidade procedentes de calquera outra Administración.

O prazo de presentación de solicitudes permanecerá aberto ata o 20 de marzo na sede electrónica da Xunta de Galicia.

 

Imaxes relacionadas