Lete asegura que a pista de Ourense “cobra todo o sentido ao acoller un dos eventos para os que se fixo”, o Campionato de España en pista cuberta como aperitivo dos Xogos Olímpicos

Lembra aos 25 atletas galegos que participaron nuns Xogos e aposta que en Toquio a lista medrará sensiblemente con todas as esperanzas postas en Ana Peleteiro, Adrián Ben Carmela Cardama ou Jean Marie Okutu, entre outros

Asegura que “cen anos despois do nacemento do primeiro home que levou ao atletismo galego á cúspide olímpica, Manuel Molezún, Galicia acollerá por primeira vez un campionato de España absoluto en pista cuberta onde se darán cita uns 500 deportistas que representan o máis alto nivel do atletismo nacional”
 

Ourense, 18 de febreiro de 2020-

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, presentou na mañá de hoxe o 56º Campionato de España Absoluto de Atletismo en Pista Cuberta que terá lugar entre o 29 de febreiro e o 1 de marzo na pista cuberta de atletismo de Ourense, inaugurada pola Xunta de Galicia o pasado 18 de decembro de 2017 como unha das tres mellores de España e a que conta coa tecnoloxía máis moderna. Nas súas verbas, o mandatario galego recoñeceu que, tras a celebración de grandes campionatos de España como o sub 20 en 2018 e o máster en 2019, a pista de atletismo de Ourense “cobra todo o sentido ao acoller outro dos eventos para os que se fixo, neste caso o histórico Campionato de España Absoluto de atletismo meses antes de que dean comezo os Xogos Olímpicos de Toquio nos que tamén estarán moitos dos atletas que virán a Ourense”.

Lete Lasa lembrou que neste 2020 cúmprense cen anos do nacemento de Manuel Suárez-Pumariega -Manuel Molezún- que foi o primeiro atleta galego en participar nuns Xogos Olímpicos tras a súa actuación nos 110 metros valados en Londres 1948. Hoxe, dixo, xa son 25 os galegos que participaron nuns Xogos Olímpicos e de seguro que en Toquio a lista medrará sensiblemente con todas as esperanzas postas en Ana Peleteiro, Adrián Ben Carmela Cardama ou Jean Marie Okutu, entre outros. Os dous primeiros -Peleteiro e Ben- competirán a próxima fin de semana en Ourense por ser os mellores de España en triplo salto e medio fondo, xunto a outros galegos de primeiro nivel como Belén Toimil, Saleta Fernández, Tariku Novales, Alejandro Fernández, Mauro Triana, Ester Navarrete ou Marta Casanova. Todos eles son representantes da época dourada do ateltismo galego polo seu “esforzo, traballo, sacrificio, constancia e resiliencia, valores gravados a lume no ADN dos nosos atletas”.

O secretario xeral asegurou que “cen anos despois do nacemento do primeiro home en levar ao atletismo galego á cúspide olímpica, Galicia acollerá por primeira vez un campionato de España absoluto en pista cuberta onde se darán cita uns 500 deportistas que representan o máis alto nivel do atletismo nacional”. “Desde a Xunta de Galicia non temos ningunha dúbida de que este Campionato de España Absoluto en Pista Cuberta será un rotundo éxito”, engadiu.
 

Imaxes relacionadas