Un total de 24 empresas presentan as súas ofertas para executar a senda peonil entre o albergue de peregrinos e o centro de Ordes, cun investimento de preto de 650.000 euros

Este itinerario desenvolverase pola marxe dereita da estrada AC-524 e permitirá separar o tráfico peonil do tráfico rodado nun itinerario de case 1,3 quilómetros, proxectándose tamén unha pasarela para salvar o río Cabrón

A senda conectará coa posada dos peregrinos e unirá os centros educativos da zona, os pavillóns polideportivos e os locais comerciais e industriais

Esta actuación enmárcase no plan de investimentos da Xunta do Xacobeo 2021

Santiago de Compostela, 18 de febreiro de 2020

Un total de 24 empresas veñen de presentar as súas ofertas para executar unha senda peonil entre o albergue de peregrinos de Poulo e o centro de Ordes, cun investimento autonómico de preto de 650.000 euros.

Trátase da execución dunha senda pola marxe dereita na estrada AC-524, ao seu paso polo concello de Ordes, que partindo do itinerario peonil xa existente, finaliza no punto quilométrico 0+500, discorre polo núcleo de Ordes ata o 2+000, no lugar denominado A Costa.

Esta actuación ten como finalidade mellorar a seguridade viaria na zona, separando o tráfico peonil do tráfico rodado, e fomentar a mobilidade peonil en detrimento do uso dos vehículos.

A senda terá unha lonxitude total de case 1,3 km, a zona de tránsito peonil constará dunha sección tipo de formigón coloreado de 2 metros separada da calzada cunha banda axardinada de 0,90 metros, salvo nalgún tramo no que non sexa posible por falta de espazo. Tamén se prevé a execución dunha pasarela de 15 m sobre o río Cabrón.

Este novo treito conectará coa posada de peregrinos e permitirá unir, ademais, outros focos de atracción tales como os centros educativos IES nº1 de Ordes e o colexio Alfonso Rodríguez Castelao, cos pavillóns polideportivos, locais comerciais e industriais, farmacias, etc.

Deste xeito, a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade dá continuidade e conectividade entre a senda existente e o novo itinerario.

Esta actuación enmárcase no plan de investimentos da Xunta en apoio ao Xacobeo 2021.

Imaxes relacionadas