Un total de 14 empresas presentan as súas ofertas para executar a primeira fase do desdobramento da VAP Nadela-Sarria, cun investimento de 24,6 millóns de euros

Este proxecto, cuxas obras comezarán a mediados de ano, arrincará con 11,5 quilómetros entre A Pobra de San Xiao e Sarria Centro

Os obxectivos da intervención son o reforzo da seguridade viaria, a mellora da funcionalidade e o nivel de servizo da vía de altas prestacións

Para converter o tramo en autovía executarase unha nova calzada paralela pola marxe esquerda sentido A Pobra de San Xiao, adaptaranse os enlaces e pasos inferiores e reporanse os camiños

O treito de autovía terá valla reforzada para reducir a accidentalidade causada polo xabaril e substituirase a existente no lado que non se desdobra

Santiago de Compostela, 18 de febreiro de 2020

Un total de 14 empresas presentan as súas ofertas para executar a primeira fase do desdobramento da Vía de Altas Prestación Nadela- Sarria, cun investimento de 24,6 millóns de euros.
Este proxecto, cuxas obras comezarán a mediados de ano, arrincará con 11,5 quilómetros entre A Pobra de San Xiao e Sarria Centro.
Os obxectivos da citada intervención son o reforzo da seguridade viaria, a mellora da funcionalidade e o nivel de servizo da vía de altas prestacións.
O inicio do desdobramento no treito entre A Pobra de San Xiao e Sarria Centro vese xustificado no incremento do tráfico no mesmo, sendo no 2018 do 4,5% fronte ao 0,5% rexistrado no conxunto da rede autonómica de estradas.
Neste tramo, resulta necesaria a ampliación da capacidade, tanto pola súa alta intensidade de tráfico, uns 7.450 vehículos ao día, como pola súa orografía complicada, con pendentes pronunciadas que reducen a velocidade dos vehículos e diminúen as posibilidades de adiantamento.
As obras incluirán a construción dunha nova calzada paralela á existente, pola marxe esquerda sentido A Pobra de San Xiao, pasando dunha calzada con dous carrís actuais a dúas con dous carrís por sentido. A actuación tamén contempla a adaptación dos enlaces e dos pasos inferiores existentes, ademais da reposición dos camiños de servizo afectados.
O deseño da autovía responde aos criterios técnicos máis exixentes, o que vai a permitir facer o percorrido de xeito máis rápido, máis seguro e con maior comodidade, cunha velocidade máxima de 120 Km.
A intervención tamén procurará a redución da accidentalidade nas estradas como consecuencia do xabaril. Así, o treito de autovía entre A Pobra de San Xiao e Sarria centro irá con valla reforzada en ambos os lados.