A Xunta aposta por achegar ao ámbito educativo a experiencia de mulleres profesionais referentes nos seus sectores

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, participou hoxe nunha xornada do programa “Nin+ Nin-, Iguais” no IES do Camiño

O alumnado do instituto coñeceu a traxectoria de Ana Corredoira, bióloga e gandeira

Palas de Rei (Lugo), 18 de febreiro de 2020

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, participou esta mañá co alumnado do IES do Camiño nun dos encontros con mulleres senlleiras levados a cabo nos centros educativos de Galicia, no marco do programa Nin+ Nin-, Iguais. Estivo acompañada polo alcalde da localidade, Pablo Taboada.

Na súa intervención nesta xornada destacou a importancia de educar en igualdade, promover a igualdade de xénero no ámbito educativo e achegar aos centros de ensino a realidade das mulleres profesionais galegas que son líderes nos seus sectores.

Desta volta, a actividade foi dirixida ao alumnado do IES do Camiño, que tivo a oportunidade de escoitar e coñecer experiencia de Ana Corredoira, bióloga e gandeira. Corredoira explicou o seu exemplo como muller emprendedora no rural.

A secretaria xeral da Igualdade, sinalou que o proxecto Nin+ Nin-,Iguais, favorece que o alumnado de Educación Secundaria Obrigatoria teña referentes femininos en distintos sectores laborais nos que aínda non hai paridade de xénero, ao mesmo tempo que pretende concienciar a cada alumno que pode ser o que queira ser e que mulleres e homes están capacitados para calquera profesión.

Mulleres referentes galegas, entre elas científicas galegas recoñecidas co Premio María Josefa Wonenburguer como Isabel Aguirre, Alicia Estévez ou Carmen García Mateo, xa teñen impartido estas charlas en centros educativos da nosa comunidade. Tamén está previsto que participe Mabel Loza, catedrática de Farmacia que recibiu este recoñecemento na última edición dos premios.

Entre as participantes destacan mulleres líderes en ámbitos como o deporte, a enxeñaría, as telecomunicacións, a arquitectura, a cociña, ou a medicina, algúns dos sectores nos que aínda prevalecen os estereotipos e prexuízos de xénero. Por iso, López Abella instou a promocionar as vocacións STEM –ciencia, tecnoloxía, enxeñaría e matemáticas- entre as nenas e as mozas para eliminar a fenda de xénero que persiste nestes estudos.

Imaxes relacionadas