A Xunta aposta por potenciar o bo uso das novas tecnoloxías para evitar discriminacións e previr a violencia de xénero

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, participou esta tarde na segunda edición de “Tempo da Psicoloxía”, organizada polo Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia e da facultade de Psicoloxía da USC

Fixo tamén fincapé na necesidade de impulsar referentes femininos nas TIC
 

Santiago de Compostela, 17 de febreiro de 2020

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, apostou hoxe por fomentar o bo uso das novas tecnoloxías e das redes sociais para evitar discriminacións de xénero e para previr condutas de violencia contra a muller.

Así o destacou hoxe durante a súa participación na inauguración da segunda edición de Tempo da Psicoloxía: unha ollada sobre a sociedade dixital, organizada polo Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia e pola facultade de Psicoloxía da Universidade de Santiago de Compostela (USC).

López Abella recordou que Internet, as redes sociais e os medios dixitais proporcionan ferramentas moi relevantes para o contacto humano pero que, ao mesmo tempo, supoñen riscos que antes non existían. De feito, o seu mal uso pode agravar situacións de violencia de xénero, como o control abusivo ou a difusión de estereotipos discriminatorios. A Xunta ten en marcha campañas neste sentido, como Pantallas Amigas, que alerta do risco do sexting.

Ademais, a secretaria xeral da Igualdade tamén fixo fincapé en que é necesario que as mulleres sexan parte activa na creación das tecnoloxías, e non só no seu consumo. Por iso, apostou por que as nenas teñan referentes femininos no ámbito das TICs. Neste ámbito, destacou iniciativas apoiadas polo Goberno galego como o programa Rapazas nas TIC, ou todas as iniciativas relacionadas coa visibilización das mulleres na ciencia.
 

Imaxes relacionadas