A Xunta apela á innovación como a clave para asegurar o crecemento económico sostible

A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, sinala no encontro Galicia en Dixital, organizado por Telefónica en Santiago, que as empresas deben ofrecer solucións que se axusten ás necesidades das persoas, mellorando así a súa calidade de vida desde a innovación

Apunta como aspectos fundamentais para a modernización do tecido produtivo a incorporación das novas tecnoloxías e a formación especializada, a internacionalización, aumento de tamaño e diversificación da produción e o talento

Santiago de Compostela, 17 de febreiro de 2020

A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, apelou esta mañá ao consenso arredor da idea de que a innovación é a clave para asegurar o crecemento económico sostible, na clausura da xornada “Galicia en Dixital: Transformando a sociedade e as nosas empresas” organizada por Telefónica en Santiago de Compostela.

Argerey apuntou que é unha demanda da sociedade, xa que a cidadanía hoxe esixe produtos e servizos innovadores, diferentes e personalizados que respondan ás súas necesidades e a innovación debe satisfacer esa demanda ofrecendo solucións que se axusten a estas necesidades e contribuíndo así á mellora da vida das persoas.

Para iso, dende a Xunta de Galicia téñense desenvolto programas centrados na innovación que apoian tanto a conservación do liderado daqueles sectores nos que a Comunidade xa está especializada como o desenvolvemento de novos sectores produtivos que permitan situar a Galicia á vangarda nos mercados internacionais, no marco da Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia (RIS3).

A directora de Gain afirmou que cómpre seguir avanzando na incorporación das novas tecnoloxías e a formación especializada ao tecido produtivo. Do mesmo xeito, sinalou que as empresas deben gañar tamaño e diversificar a súa produción; ao tempo que avanzan na internacionalización dos seus produtos e se incorporan ás cadeas de valor europeas.