A Xunta inicia as obras de mellora e integración paisaxística do Camiño Francés no barrio compostelán de San Lázaro, cun investimento duns 730.000 euros

Os traballos están a acometerse desde a pasada semana no treito que dá acceso ao Palacio de Congresos de Galicia, entre a SC-20 e a rúa Miguel Ferro Caaveiro

Esta actuación conta cun prazo de execución de 9 meses, aínda que a previsión é tela rematada o vindeiro mes de xullo

A intervención desenvolverase no tramo que vai desde a Ponte de San Lázaro ata a rúa Miguel Ferro Caaveiro, e na mesma se inclúe unha senda para os peregrinos na marxe esquerda da estrada, desprazando á beira oposta as zonas de aparcadoiro

Santiago de Compostela, 17 de febreiro de 2020

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de iniciar as obras de mellora e integración paisaxística do Camiño Francés ao seu paso polo barrio compostelán de San Lázaro, cun investimento duns 730.000 euros.

Esta actuación está a ser levada a cabo desde a pasada semana pola empresa adxudicataria Construcciones Ramón Vázquez y Reino, no treito que dá acceso ao Palacio de Congresos de Galicia, entre a SC-20 e a rúa Miguel Ferro Caaveiro.

Estas obras contan cun prazo de execución de 9 meses, aínda que o departamento de Infraestruturas da Xunta traballa coa previsión de telas rematadas o vindeiro mes de xullo.

A intervención no Camiño Francés desenvolverase desde a Ponte de San Lázaro, nas inmediacións do restaurante O Tangueiro, ata a rúa Miguel Ferro Caaveiro.

O proxecto prevé habilitar na marxe esquerda da estrada unha senda para os peregrinos, desprazando á beira oposta as zonas de aparcadoiro.

Esa zona de tránsito para os camiñantes estará separada da propia estrada con franxas axardinadas, para diminuír o impacto visual e sonoro do tráfico sobre a experiencia do peregrino.

Destaca especialmente dentro deste proxecto a actuación prevista no paso sobre a vía do tren, que se ampliará e mellorará, dotándoo dun acabado estético propio do Camiño, así como de maior protección e illamento. Xunto con isto, ampliarase o espazo peonil na glorieta da estrada SC-20.

Tamén se prevé habilitar unha nova zona de aparcadoiro fronte ao restaurante O Tangueiro, nunha parcela de propiedade do Concello, que se dotará con 16 prazas para estacionamento.

Trátase dunha intervención destinada, tamén, para beneficiar aos veciños da zona con maior accesibilidade, melloras nas entradas ás vivendas, ampliando a zona de paso peonil e habilitando unha nova parada de autobús.

Esta actuación enmárcase no proxecto para mellorar as entradas das diferentes rutas dos Camiños de Santiago á cidade de cara ao Xacobeo 2021, facendo que sexan claramente visibles e identificables, ao tempo que favorece o tránsito dos peregrinos sobre o tráfico rodado.

Imaxes relacionadas