A Xunta licita actuacións de mellora do firme en varias estradas autonómicas nas comarcas de Arzúa, Terra de Melide e Betanzos, por un investimento de máis de 1,1 millón de euros

As empresas interesadas na execución deste contrato poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro día 16 de marzo

Os traballos teñen por obxecto a mellora das condiciones de circulación nas estradas AC-231 e AC-840, ao seu paso polos concellos de Aranga, Curtis, Sobrado, Betanzos, Oza-Cesuras, Curtis, Vilasantar e Boimorto

A actuación permite rehabilitar a capa de rodadura para prolongar a vida útil do pavimento destas estradas, a limpeza de cunetas e a reposición da sinalización horizontal e vertical

Santiago de Compostela, 17 de febreiro de 2020

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade publica hoxe na Plataforma de Contratos de Galicia a licitación de actuacións de mellora do firme en varias estradas de titularidade autonómica nas comarcas de Arzúa, Terra de Melide e Betanzos, por un investimento de máis de 1,1 millón de euros.

Esta actuación ten por obxecto a mellora das condicións de circulación nas estradas de titularidade autonómica AC-231, ao seu paso polos municipios de Aranga, Curtis e Sobrado, e na estrada AC-840, ao seu paso polos concellos de Betanzos, Oza-Cesuras, Curtis, Vilasantar e Boimorto.

As empresas interesadas na execución deste contrato poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro día 16 de marzo. As obras dispoñen dun prazo de execución de 5 meses, a contar desde a formalización do contrato de adxudicación.

Máis en concreto, o contrato contempla a rehabilitación do firme nos tramos que presenten carencias para prolongar a vida útil do pavimento, mediante o fresado e reposición do firme existente con mestura bituminosa en quente ou o seu recrecido con microaglomerados segundo as necesidades.

Así mesmo, prevese a limpeza de cunetas e a reposición de sinalización horizontal. Tamén se inclúen pequenas partidas de sinalización vertical, cunetas e barreira de seguridade.