A Xunta publica no DOG a transferencia a prol do Concello da Estrada da titularidade da vía provincial Berres- Vilancosta

Trátase dunha vía de 1,2 quilómetros que discorre polo concello, dando acceso ao lugar de Vilancosta desde o lugar de Berres

Co cambio de titularidade, o concello pontevedrés terá a competencia para actuar nesta vía e asume as responsabilidades da súa conservación e mantemento

Santiago de Compostela, 17 de febreiro de 2020

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade publica hoxe no Diario Oficial de Galicia o decreto polo que se autoriza o cambio de titularidade da vía provincial Berres- Vilancosta a prol do Concello da Estrada.

No seguinte enlace ao DOG pode consultarse a información: http://bit.ly/2UXIZdP

O Concello da Estrada solicitou á Deputación Provincial de Pontevedra a transferencia da estrada provincial EP-7021, unha vez realizadas as obras de mellora de seguridade viaria neste tramo que conecta Berres e Vilancosta.

Esta vía provincial discorre polo concello, dando acceso ao lugar de Vilancosta desde o lugar de Berres, separados por unha distancia de 1,2 quilómetros.

A Administración provincial de Pontevedra acordou aprobar o cambio de titularidade proposto, polo que emite informe favorable para a transferencia deste treito e solicita o cambio de titularidade desta estrada á Consellería de Infraestruturas e Mobilidade.

A transferencia a prol do Concello tramítase de acordo co previsto na Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, que estable a súa aprobación por decreto da Xunta, a proposta da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade como competente en materia de estradas e logo do acordo entre as administracións implicadas.

Co cambio de titularidade aprobado polo Consello da Xunta o pasado 16 de xaneiro, o concello pontevedrés terá a competencia para actuar nesta vía e asume a responsabilidade da súa conservación e mantemento.

O Decreto producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.