Un total de dezanove empresas presentan as súas ofertas para executar unha senda peonil e ciclistas entre Coirados e Pardavila, en Marín
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade avanza na contratación destas obras, xa licitadas, ás que se destina un investimento autonómico de 720.000 euros
Trátase dunha senda duns 2 quilómetros pola marxe esquerda desta estrada autonómica, dende a saída de Marín e conectando coas beirarrúas existentes ata Pardavila, unha vez pasado o enlace da Variante de Marín
Os traballos prevén tamén a construción dunha pequena plataforma para salvar o rego ao comezo desta vía e outras obras complementarias necesarias para a senda, como unha nova rede de drenaxe e a mellora da intersección cun carril central e un cambio de sentido
Un total de dezanove empresas veñen de presentar as súas ofertas para executar o itinerario peonil e ciclista na estrada autonómica PO-313, entre Coirados e Pardavila, no concello de Marín.
Esta actuación, incluída no Plan de Sendas de Galicia na comarca do Morrazo conta cun orzamento autonómico duns 720.000 euros.
Trátase da execución dun itinerario duns 2 quilómetros de lonxitude pola marxe esquerda da estrada de titularidade da Xunta PO-313, dende a saída de Marín e conectando coas beirarrúas existentes ata Pardavila, no punto quilométrico 3+300, unha vez pasado o enlace coa Variante de Marín.
A intervención comezará polos primeiros 15 metros desta estrada, no punto quilométrico 1+380, onde se executará unha pequena plataforma para salvar o rego existente. A partir dese punto, a sección tipo constará dunha senda en formigón coloreada de 1,8 m de ancho medio, aproveitando nalgún tramo intermedio a beirarrúa existente.
Como obras complementarias, e necesarias para unha funcionalidade e seguridade dos usuarios da senda, poden destacarse a instalación dunha nova rede de drenaxe e a mellora da intersección existente no punto quilométrico 2, coa execución dun carril central e dun cambio de sentido.
Os obxectivos prioritarios desta actuación é incrementar a seguridade dos veciños nos seus desprazamentos cotiás e promover unha mobilidade máis sustentable.
Cómpre sinalar que esta actuación, enmarcada no Plan de Sendas da comarca do Morrazo, no que a Xunta contempla 8 itinerarios seguros, sustentables e integrados na paisaxe, que foron definidos en 7 proxectos de construción que suman case de 9,2 km de sendas cun orzamento que supera os 4,5 millóns de euros. Todas as actuacións son cofinanciadas con Fondos FEDER 2014/2020.