Medio Ambiente invita aos concellos que integran a reserva da biosfera da área de Allariz a beneficiarse das axudas para a mellora dos espazos naturais

A directora xeral de Patrimonio Natural mantivo unha reunión coa alcaldesa da Bola e vicepresidenta da Reserva da Biosfera da Área de Allariz, Teresa Barge

Belén do Campo recorda que as ordes de axudas que convoca o seu departamento, e ás que poden acceder concellos, particulares e entidades, permiten subvencionar accións como a restauración de muros, adecuación de carreiros rurais, sinalización de camiños e sendas e equipamento de información e interpretación
 

Santiago de Compostela, 15 de febreiro de 2020

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda invita aos concellos que forman parte da Reserva da Biosfera da Área de Allariz (Allariz, A Bola, Rairiz de Veiga e Vilar de Santos) a solicitar axudas para o desenvolvemento de actividades que melloren a conservación dos espazos naturais.

A directora xeral de Patrimonio Natural, Belén Do Campo, e a alcaldesa da Bola, Teresa Barge, mantiveron unha reunión para coñecer as posibilidades para levar a diante actuacións para a posta en valor da riqueza natural deste concello.

Do Campo lembrou que onte mesmo o Diario Oficial de Galicia convocou as axudas para a execución de actuacións de mellora e conservación nos espazos incluídos na Rede Natura 2000, por un importe de 2,4 millóns de euros. O obxectivo desta liña de subvencións é conservar e revalorizar o patrimonio natural de Galicia, promover a xestión sustentable dos recursos naturais; ao tempo que se mellora a calidade de vida da poboación rural fomentando a prestación de servizos básicos que axuden á fixación da poboación no medio rural, a creación de emprego e a redución do risco de pobreza.

Os beneficiarios son as persoas titulares de terreos agrícolas e forestais privados, os concellos incluídos na Rede Natura 2000 e asociacións medioambientais e de custodia do territorio; polo que tano o Concello da Bola coma as restantes entidades locais que forman parte desta Reserva da Biosfera poden acceder a esta liña de axudas.

As actuacións que poderán ser obxecto destas axudas son a creación ou mellora de cercas, sebes, vexetación de lindes e bordos non cultivados nas parcelas agrícolas, restauración de muros de cachotaría, adecuación de carreiros rurais, así como a creación de rutas e áreas recreativas co correspondente equipamento de información e interpretación.

Tamén se poderán beneficiar destes incentivos as actuacións dirixidas á recuperación de hórreos, miradoiros, cabanas ou fontes; así como a creación de cercados naqueles casos non que sexa recomendable a limitación de acceso a persoas, a restauración de humidais, a preservación da vexetación de ribeira e filtros verdes ou a eliminación de especies exóticas invasoras.

Por último, recordou que este mesmo mes o Diario Oficial de Galicia tamén publicará ás ordes de axudas ás Reservas da Biosfera de Galicia, que se convocarán por segundo ano consecutivo e que recolle un orzamento de 600.000 euros.
 

Imaxes relacionadas