A conselleira do Mar, Rosa Quintana, mantivo unha xuntanza co alcalde de Malpica

A Xunta traslada ao concello de Malpica a necesidade de ser rigorosos na busca das actuacións máis axeitadas para mellorar a seguridade do porto

A Consellería do Mar pide que se deixe traballar aos técnicos para que poidan verificar a procedencia das medidas en estudo e advirte de que as présas poden levar a resultados contraproducentes

Rosa Quintana lembra que a dársena malpicá é unha infraestrutura complexa desde a súa construción hai máis de 80 anos e apela a facer unha análise sólida das alternativas en beneficio da seguridade do peirao e dos seus usuarios

Portos de Galicia está a medir as ondadas e correntes que se rexistran no interior do porto e tamén os niveis de sobreelevación das ondas longas liberadas polos temporais para avanzar na busca da mellor solución

Santiago, 14 de febreiro de 2020

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, mantivo hoxe unha xuntanza co alcalde de Malpica, Walter Pardo, na que lle explicou os pasos que está a dar a Xunta co obxectivo de determinar cales son as actuacións máis adecuadas para mellorar a seguridade no porto malpicán tralo accidente rexistrado a finais de 2018 co resultado dun falecido. Na xuntanza, na que tamén estivo o patrón maior da confraría, Pedro Pérez, a titular de Mar trasladoulle que se trata dun asunto complexo pola configuración do propio peirao e defendeu a necesidade de ser rigorosos no estudo das súas características para non cometer erros e adoptar as medidas máis axeitadas en beneficio do porto e dos seus usuarios.

A representante do Executivo galego, que estivo acompañada no encontro pola presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, explicoulle ao rexedor malpicán que os técnicos do ente público están a traballar na recollida de datos do comportamento da dársena co obxectivo de coñecer as necesidades que marcarán as pautas da licitación do estudo de alternativas e o posterior proxecto para dar unha solución definitiva ao peirao de Malpica.

Entre as actuacións realizadas por Portos de Galicia con esa finalidade está a recente instalación de tres sensores e un dispositivo especial de medición en distintos puntos do porto malpicán co obxectivo de medir durante dous meses as ondadas e correntes que se rexistran no seu interior. Estes equipos súmanse ao radar colocado en decembro para facer medicións reais dos niveis de sobreelevación das ondas longas liberadas polos temporais e axudar a valorar a axitación real do peirao para identificar os períodos nos que as ondas resultan resoantes e a súa amplitude.

As ondas longas son sobreelevacións que non se perciben a simple vista e que van asociadas ao tren de ondada que si percibimos, polo que é preciso identificar o período e amplitude concretos que producen a resonancia na dársena para acometer as mellores solucións. Precisamente, a definición do proxecto definitivo é complexa pois as ondas longas considéranse no deseño do abrigo dos portos desde hai poucos anos e a dársena interior malpicá data do ano 1952.

Neste sentido, a conselleira do Mar destacou que as présas non son boas neste tipo de actuacións porque poden derivar en resultados contraproducentes, polo que apelou á responsabilidade e a deixar traballar aos técnicos para que poidan verificar a procedencia das medidas en estudo e as melloras necesarias. Con ese obxectivo, Portos de Galicia mantivo tamén varias reunións coa confraría de pescadores local e coa familia do falecido desde finais de 2018 ao tempo que analizou os estudos e proxectos xa existentes en relación co abrigo do porto.

A maiores destes traballos de estudo das correntes e ondadas no peirao de Malpica, no proxecto MarRisk, a través de Meteogalicia, inclúese un estudo para a análise das ondas longas do porto malpicán co obxectivo de diagnosticar a probabilidade de que se produzan e provoquen resonancia na dársena interior cunha antelación de 72 horas.

Todas estas accións permitirán coñecer as necesidades que marcarán as pautas da licitación do estudo de alternativas e o posterior proxecto para dar unha solución definitiva ao peirao de Malpica, unha infraestrutura complexa desde a súa construción hai máis de 80 anos tanto polas dificultades de saída e entrada como polas correntes que se xeran no seu interior.

Peirao de Barizo

Outro dos temas abordados na xuntanza foi a disposición dun novo guindastre para poder pór en seco embarcacións no peirao de Barizo. Neste senso, Portos de Galicia xa analizara, hai meses e a instancia do anterior alcalde, a posibilidade de arranxo do existente, se ben se recomendou, ante o estado do mesmo e a falla de garantías de seguridade e viabilidade da reparación, optar pola súa substitución por un novo.

Para acometer esta nova instalación, a conselleira do Mar reiterou a posibilidade de que os usuarios soliciten diante do GALP unha axuda para realizar a adquisición e colocación do novo guindastre, sinalando que o prazo de solicitude estaría aberto ata o vindeiro 1 de marzo.

Imaxes relacionadas