Lete Lasa amosa o recoñecemento da Xunta de Galicia ao traballo diario e o esforzo dos clubs deportivos da área da Cañiza

Destaca que as resolucións das subvencións para o desenvolvemento da actividade deportiva e para a adquisición de equipamentos foron tramitadas como anticipada de gasto para facilitar a actividade deportiva dos clubs galegos así como a súa xestión económica

A Cañiza (Pontevedra), 14 de febreiro de 2020-

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, mantivo hoxe unha reunión cos clubs deportivos da Cañiza e a súa área para abordar a situación do deporte na comarca de Paradanta e transmitir o apoio, recoñecemento e colaboración da Xunta de Galicia no traballo diario e esforzo dos clubs e entidades deportivas desta zona.

Deste xeito, o mandatario galego informou dalgunhas das liñas que se enmarcan dentro da actividade ordinaria da Secretaría Xeral para o Deporte dirixida a clubs como a resolución pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, a clubs deportivos, sociedades anónimas deportivas e seccións deportivas de Galicia para o desenvolvemento de actividades deportivas, e se procede á súa convocatoria para o ano 2020, publicada no Diario Oficial de Galicia o pasado 10 de xaneiro cun importe total de 1.960.000 euros.

Do mesmo xeito, o secretario xeral falou da resolución pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións para a adquisición de equipamentos deportivos e se procede á súa convocatoria para o ano 2020 que conta cun importe global de 700.000 euros. O prazo de presentación de solicitudes para esta subvención remata o vindeiro 24 de febreiro.

Lete Lasa destacou que ambas resolucións son tramitadas como anticipada de gasto para facilitar a actividade deportiva dos clubs galegos así como a súa xestión económica.

Imaxes relacionadas