A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, mantivo unha reunión cos alcaldes e veciños para abordar esta actuación de mellora da seguridade viaria

A Xunta somete a información pública o proxecto de execución de dúas sendas peonis na estrada OU-536 ao seu paso por Santa Baia e As Vendas, nos concellos do Pereiro de Aguiar e Esgos

A Administración autonómica abre o prazo ata o 31 de marzo para que os interesados presenten as súa achegas e seguir a tramitación cara a licitar as obras

En conxunto, estas novos itinerarios suman un total de 3,3 km de lonxitude e teñen un investimento estimado de 1,1 millóns de euros

As sendas perseguen aportar maior mobilidade e mellorar as conexión co transporte público, para o que se prevé a instalación de catro novas marquesiñas

Ambos itinerarios terán unha anchura mínima de 1,8 metros, e disporán pavimento de formigón coloreado, ofrecendo unha adecuada integración estética e cubrir tódalas necesidades para as persoas con mobilidade reducida

Ademais, as obras se complementan con cunetas de seguridade, franxa verde e bordillo para separar o tráfico rodado dos peóns

O Pereiro de Aguiar (Ourense), 14 de febreiro de 2020

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, informou hoxe do inicio do proceso de información pública do proxecto de execución de dúas sendas peonís na estrada OU-536 ao seu paso polos núcleos de Santa Baia e As Vendas, nos concellos do Pereiro de Aguiar e Esgos.
Coa publicación hoxe no Diario Oficial de Galicia da exposición pública e o trámite expropiatorio desta actuación, iniciase o prazo para que os veciños poidan consultar toda a información, dispoñendo ata o vindeiro 31 de marzo para presentar as súas alegacións e suxestión de mellora.

Na reunión de traballo mantida hoxe en Pereiro de Aguiar co alcalde Luis Menor e o de Esgos, Mario Rodríguez, así como cos veciños destes municipios, Vázquez Mourelle estivo acompañada polos técnicos da Xunta. Na mesma explicáronse os trámites administrativos e os principais datos deste proxecto na estrada autonómica que une a capital con Castro Caldelas e Trives.

En conxunto, o inicio da exposición pública destas novas sendas en Esgos e O Pereiro de Aguiar supoñen un total de 3,3 km e un investimento estimado de 1,1 M€.

Trátase de dúas novas sendas, unha en Santa Baia, de 2,3 km, e outra nas Vendas, duns 800 metros, que aportarán maior mobilidade aos veciños e veciñas da zona, así como unha mellor conexión co transporte público, para o que se prevé a instalación de catro novas marquesiñas.

Na xuntanza explicouse tamén que ambos itinerarios foron deseñados cunha anchura mínima de 1,8 metros e con pavimento de formigón coloreado, para ofrecer unha adecuada integración estética e cubrir todas as necesidades para as persoas con mobilidade reducida.

Ademais, as obras se complementan con cunetas de seguridade, franxa verde e bordillo para separar o tráfico rodado dos peóns.

Unha vez rematado esta prazo, a Axencia Galega de Infraestruturas analizará en detalle o seu contido e incorporarán as achegas que sexa posible para, a continuación aprobar o proxecto e licitar as obras.

Estas actuacións incluíronse no Plan de Sendas de Galicia da Xunta e ten iniciada a súa tramitación para a súa cofinanciación cos Fondos FEDER 14/20.

Imaxes relacionadas