A conselleira de Política Social visitou hoxe aos usuarios do centro ocupacional

Fabiola García felicita á asociación A Creba polo seu traballo na inserción sociolaboral das persoas con discapacidade en Noia

Destaca o labor das entidades sociais na construción dunha sociedade máis xusta e igualitaria

Noia (A Coruña), 14 de febreiro de 2020

A conselleira de Política Social, Fabiola García, felicitou hoxe á entidade social A Creba polo seu traballo na inserción sociolaboral das persoas con discapacidade. Díxoo durante unha visita ao centro ocupacional que teñen en Noia onde coñeceu de primeira man as necesidades e o funcionamento das súas instalacións.

A conselleira agradeceu o labor das entidades sociais posto que, concretou, son elas as que están día a día atendendo ás persoas con discapacidade e ás súas familias para resolver e atender as situacións que se lle presenten. Así, neste centro os usuarios poden realizar obradoiros de deseño téxtil, tratamento do coiro ou da pasta de papel que lles facilitan a transición ao mundo laboral.

Fabiola García sinalou que aínda queda moito por facer en materia de inclusión, pero asegurou que coa axuda de entidades como A Creba, Galicia é unha sociedade cada vez máis xusta, igualitaria e solidaria.

Imaxes relacionadas