Medio Ambiente analizará a posibilidade de colaborar na humanización da zona céntrica da Peroxa

A conselleira Ángeles Vázquez mantivo unha reunión co alcalde, Manuel Seoane, para coñecer as demandas e necesidades en materia urbanística

Santiago de Compostela, 14 de febreiro do 2020

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o alcalde da Peroxa, Manuel Seoane, mantiveron unha reunión para analizar as necesidades e demandas deste concello de Ourense en materia de infraestruturas urbanas.

Así, o alcalde trasladoulle á conselleira a necesidade de actuar nas zonas e rúas céntricas no núcleo urbano da Peroxa, co fin de harmonizar a estética das rúas, mellorar o mobilidade urbano e facer máis segura e accesible, tanto para peóns como para o tráfico rodado, esta zona do concello.

Pola súa parte, a conselleira indicoulle o seu compromiso para estudar as posibilidades do seu departamento para colaborar nesta actuación de humanización no centro da localidade. Recordou que a Xunta pon a disposición dos concellos varias liñas de axudas para o desenvolvemento de intervencións urbanísticas, coas que mellorar as infraestruturas, os servizos e os equipamentos municipais.

Imaxes relacionadas