A conselleira do Mar participou na presentación dunha xornada técnica informativa destinada ás confrarías de pescadores

Galicia promove a modernización de equipamentos nos portos e nas lonxas para facilitar o labor do sector e mellorar a súa competitividade

As confrarías de pescadores poden acceder a axudas para investimentos con este fin e que busquen a mellora da eficiencia enerxética, das condicións de traballo dos pescadores e da calidade dos produtos desembarcados

A convocatoria de 2020 destas achegas publicouse nos últimos días no Diario Oficial de Galicia e conta cun orzamento de 2,5 millóns de euros

Este e outro tipo de apoios á súa disposición foron explicados hoxe por técnicos da Consellería do Mar ás federacións de confrarías da comunidade galega
 

Ames (A Coruña), 14 de febreiro de 2020

As confrarías de pescadores de Galicia poden optar a axudas para a modernización das instalacións portuarias, das lonxas e dos lugares de desembarque no marco do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca. Estas e outras posibilidades ás que poden acceder foron explicadas hoxe por técnicos da Xunta ás confrarías de pescadores nunha xornada celebrada na sede da Federación Galega de Confrarías na que participou a conselleira do Mar, Rosa Quintana, e na que tamén estivo a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez.

Coas achegas para a modernización das instalacións portuarias, das lonxas e dos lugares de desembarque apóianse proxectos de mellora da eficiencia enerxética, onde se enmarcan por exemplo, a modernización da iluminación interior con tecnoloxía led ou proxectos de aforro enerxético nas instalacións de frío, entre outros.

Tamén son obxecto de axuda as iniciativas de mellora da seguridade e condicións de traballo dos pescadores, entre eles os sistemas de varada de embarcacións, os guindastres para a descarga de produtos da pesca e casetas desmontables para vestiarios dos profesionais do marisqueo. Outros investimentos subvencionables son os mellora da calidade dos produtos desembarcados, como os contedores e equipos de limpeza para lonxa e os produtores de xeo.

A titular de Mar explicou que este tipo de equipamentos facilitan e melloran as condicións de traballo do sector e contribúen á mellora da súa competitividade. Ao mesmo tempo, engadiu, favorecen o desenvolvemento e a sustentabilidade da pesca costeira artesanal que realiza a súa actividade nas lonxas e portos de Galicia.

Así o especifica a convocatoria de 2020 destas achegas publicada a pasada semana no Diario Oficial de Galicia, que sinala que o orzamento destinado a esta convocatoria é de 2,5 millóns de euros a distribuír nas anualidades 2020 e 2021. Nela as confrarías interesadas poden consultar os requisitos e a documentación necesaria para cursar a solicitude de axuda.

No encontro de hoxe, os técnicos da Consellería do Mar tamén expuxeron ás confrarías outras achegas ás que poden acceder como as destinadas a proxectos que contribúan á recollida de residuos mariños ou a mellorar a produtividade daqueles bancos que acumulan 12 meses de perda da produción das súas especies obxectivo, entre outras. A xornada tamén serviu para resolver cuestións relacionadas con este tipo de apoios.
 

Imaxes relacionadas